CRTVG

Buscar

Achan un relevo de alto valor na igrexa do Azougue de Betanzos

Publicado o 30/01/2020 14:20

Os restauradores estaban a facer o estudo para presupostar o acondicionamento do retablo de San Pedro na igrexa betanceira de santa María do Azougue e, ao retirar unhas pezas laterais do retablo descubriron que detrás hai algo de gran valor. Trátase dos elementos decorativos, dun sartego aínda que do sepulcro non queda nin rastro.

Milagros Martínez, restauradora de Techne Conservación e Restauración de Bienes Culturales, SC di que "a nosa sorpresa emocionante foi ao mirarmos a parte traseira para ver como se encontraba e ao quitar unhas pezas laterais encontramos un arcosolio gótico dun enterramento, con relevos, con icononografía da Anunciación".

Á vista só están os dous laterais, pero segundo a restauradora, podémonos facer unha idea pola similitude con este da igrexa de San Francisco; creado no mesmo estilo, polo que se sospeita que é obra do mesmo taller de Betanzos, con grande actividade no gótico. Para todos é unha novidade o que tapa este retablo desde que o recolocaron neste espazo.

Milagros Martínez di que "colocaron este retablo, uniron pezas doutros e colocárono aí, tapando totalmente o arcosolio. Ao mellor xente daquel momento en que o trasladou, no 1900, si que sabía que existía, pero volveuse tapar, ninguén dixo nada, xente maior que foi morrendo e, entón era totalmente descoñecido".

Descuberta a súa existencia, o que ía ser a restauración dun retablo será ademais a recuperación do arcosolio gótico deixándoo á vista.

A restauradora de Techne afirma que "si que se volve planear a relocalización do retablo para poder salvar as dúas cousas. Neste momento facemos o estudo coas valoracións económicas e agora pasaría ao promotor, non se sabe se pasará a parte do bispado, e este estudará o financiamento das dúas obras". Mentres tanto, o retablo só permite observar os laterais do arco.

Noticias web

30/01/2020