CRTVG

Buscar

Acepta 30 anos por matar a muller prendéndolle lume

Publicado o 14/10/2019 13:26

Un home acepta 30 anos de cárcere por asasinar a súa ex-parella, queimándoa viva, e tentar asasinar o seu fillo, de 22 meses. Houbo un acordo de conformidade na Audiencia das Baleares. A Fiscalía pidíalle unha condena de 39 anos. 

O home aceptou 30 anos de cadea por un delito de incendio e outro de asasinato con aleivosía e asañamento, ademáis doutro de asasinato en grao de tentativa.

O acusado entrou a mañanciña na vivenda de Alcudia en que se atopaban a súa ex-parella e o seu fillo, de 22 meses, sabendo que estaban a durmir. Tivo que bater fortemente a porta porque a muller pecháraa por dentro cun arame a noite anterior por precaución despois de que el marchara ameazándoa de morte. O ruído espertouna e saíu do cuarto. Atopouse co acusado, que lle botou gasolina por riba e prendeulle lume cun chisqueiro.

A vítima, envolta en lapas, correu a coller ao menor e saltou ao exterior da casa, con el en brazos, por unha xanela. Conseguiu escapar co neno conducindo o seu coche ata a casa da súa nai onde chamaron a emerxencias.

A muller sufriu queimaduras no 80 por cento do seu corpo, con queimaduras de segundo grao e levárona ao hospital, pero non sobreviviu. O neno sufriu queimaduras de primeiro grao na cara e unha perna, que afectaron o 10 por cento do seu corpo, e contusións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/10/2019