CRTVG

Buscar

Investigan as causas do accidente que lle custou a vida a un veciño de Beade

Publicado o 28/09/2020 14:28

Evoluciona favorablemente o menor que onte á noitiña foi vítima dun accidente de tráfico no concello ourensán de Beade, ao precipitarse o coche no que viaxaba por un terraplén duns catro metros de altura. O condutor, de 43 anos, saíu despedido e faleceu no acto.

Durante toda a mañá estivo chegando xente ao lugar do sinistro. Non se explican como puido pasar. O turismo saíu da vía pola marxe dereita, enfilou a barreira de protección, e precipitouse por un desnivel duns catro metros, ata bater contra unha pista de acceso a viñedos: "Entrou por riba da varanda, supostamente, e aquí foi onde pegou xa no cemento e caeu de pico", explica un veciño. "Moi raro porque esta é unha estrada coñecida para el, que vive nas Regadas, a dous quilómetros de aquí. Un accidente destas características sempre sorprende e máis ao ser veciño e ser un rapaz novo", comenta outro veciño.

Unhas mulleres que estaban na zona viron o accidente e avisaron os servizos de urxencias. O condutor xa estaba fóra do coche. Intentaron reanimalo pero non foi posible. Sospeitan que saíu despedido porque non levaba posto o cinto. Acababa de coller o coche en Beade e dirixíase á súa aldea, As Regadas, a tres quilómetros de alí: "Eu estaba no café cando saíu, el e o neno saíron para fóra, saíron no coche e, aos cinco minutos, xa vimos pasar as ambulancias". "Aquí non é perigoso, está a trinta, así que tes que vir con esa velocidade, a menos que non a respectes, pero estráñame porque saían de aquí de Beade, non poden coller esa velocidade cando hai aí unha curva bastante pronunciada", din os veciños.

O neno, fillo da parella do condutor, de nove anos, si que levaba suxeición, co sistema de retención infantil. Tiña contusións e trasladárono en ambulancia ao Hospital Universitario de Ourense, onde continúa ingresado porque o teñen en observación, pero non está grave.

Hai só dez días, outro condutor sufriu feridas graves neste mesmo treito. Foi atropelado polo seu propio trator cando intentaba esquivar un turismo e caeu ao chan.