CRTVG

Buscar

Un morto e unha ferida grave nun accidente de tráfico en Ordes

Publicado o 25/12/2020 02:35

• O impacto foi tan forte que os coches comezaron a arder

Tremenda imaxe a que nos deixa o choque entre dous vehículos en Ordes. E terribles tamén as consecuencias. Un home de 38 anos perdeu a vida e unha muller de 20 quedou ferida moi grave. Os dous eran veciños da zona. O sinistro ocorreu en Santa Cruz de Montaos.

O impacto fixo que os coches acabasen envoltos en chamas e reducidos a ferralla en cuestión de minutos. Foron os propios veciños da zona os que socorreron os accidentados nos primeiros minutos. Bombeiros, persoal sanitario e Tráfico tomaron despois o relevo.

"Os compañeiros saíron para un accidente con posibles atrapados e xa de camiño dixéronlles que un dos coches comezara a arder, cando chegaron ao lugar xa os veciños sacaran as vítimas e xa comezaron a extinguir o lume e a axudar os equipos de reanimación", di José Luís Pareja, xefe da dotación dos bombeiros de Ordes

Os sistemas de seguridade que teñen os coches hoxe en día fai moi raro que un vehículo poida arder despois dun accidente. As chamas deste sinistro dan idea do violento que foi o impacto. Tan forte foi que xa non se puido facer nada pola vítima mortal do sinistro. E iso que os veciños saíron das súas casas tan pronto oíron o barullo.

"Dixen eu: hai un accidente. Saín á terraza e xa o coche comezaba a arder. E logo saíron o fillo e a nora e xa recoñeceron quen era porque xa os sacara un veciño", explica unha veciña de Santa Cruz de Montaos.

Polo de agora non están claras as causas do accidente. O equipo de Atestados do Subsector de Tráfico da Coruña ocúpase agora de investigar o ocorrido.