CRTVG

Buscar

Absolven os xogadores do Zaragoza e do Levante do presunto amaño dun partido

Publicado o 09/12/2019 12:24
Absolven os xogadores do Zaragoza e do Levante do presunto amaño dun partido

O Xulgado do Penal número 7 de Valencia absolveu os xogadores do Zaragoza e do Levante do presunto amaño do partido disputado no estadio Ciutat de València en 2011 entre ambos os equipos na última xornada de liga e no que os aragoneses lograron evitar o descenso de categoría.

Con todo, condenou dous directivos do club aragonés por falsidade en documento mercantil: o  ex-propietario, Agapito Iglesias, e o conselleiro Francisco Javier Porquera, segundo confirmaron fontes xudiciais.   

Neste macroxuízo sentaron no banco 42 acusados, entre os que se atopaba o propio club aragonés, e multitude de futbolistas -gran parte deles xa retirados- de ambos equipos, que foron absoltos, entre os que figuran nomes relevantes no mundo do fútbol como o actual xogador do PSG Ander Herrera ou o ex do Atlético de Madrid Gabi, que agora milita no Al-Sadd qatarí.   

Por parte do Zaragoza, ademais do club, figuraban como acusados o conselleiro Francisco José Checa; o ex-adestrador Javier Aguirre e o ex-director deportivo Antonio Prieto; os xogadores Maurizio Lanzaro; Antonio Dobras; Paulo César da Silva; Jorge López; Ander Herrera; Braulio  Nóbrega; Leonardo Daniel Ponzio; Gabriel Fernández (Gabi); Carlos Andrés Diogo; Ivan  Obradovic; Ikechukwu Uche; Adam Jozsef Pinter; Javier Paredes; Leo Franco; Jiri Jarosik; Nicolás Santiago Bertolo; Said Boutahar e Ángel Imanol Lafita.   

No caso do Levante, os xogadores eran Miguel Pallardó; Gustavo Adolfo Munúa; Héctor Rodas; Rafael Jordá; Rubén Suárez; Xavier Torres; Christian Ricardo Stuani; Wellington Alves; Jefferson Montero; Miguel  Robusté; Javier Rodríguez Venda (Javi Venda); Manuel Reina; Felipe Caicedo; Vicente  Iborra, Francisco Javier 'Xisco' Muñoz; Sergio Martínez Ballesteros e os coñecidos como Juanfran e Cerra.   

A causa chegou a xuízo despois de que a Audiencia de Valencia acordase reabrir unha investigación pechada no seu día ao considerar que existían indicios de que nove xogadores, o técnico e o director deportivo do Zaragoza percibiron os días previos ao partido unha cantidade próxima ao millón de euros, diñeiro que terminaría en mans dos xogadores procesados do Levante.

O Zaragoza necesitaba gañar aquel encontro para garantirse a permanencia en Primeira División e con iso propiciou o descenso do Deportivo da Coruña.