CRTVG

Buscar

Abren unha conta solidaria para axudar unha parella á que lle ardeu a casa en Taboadela

Publicado o 13/09/2019 14:12

Tamara mira con tristura as fotos queimadas que sacou da súa casa en lapas. É do pouco que lograron rescatar dun incendio que os sorprendeu na cama, de madrugada. Cando espertaron xa non había nada que facer contra as lapas, que enguliron a cociña, o salón e o seu cuarto con toda a roupa e o resto das pertenzas.

"O material, vale. Pero o que máis me doeu perder é cousas do meu pai, que faleceu hai pouco e non vou poder recuperar. Só me queda o recordo del. El traballaba o coiro, deume cousas de coiro, fotos del... xoias que el me deu cando empecei a crecer. Cando casamos Fernando e eu deume un enxoval que era deles... e quedei sen nada", explica Tamara.

Desde o martes viven nestoutra casa, ao lado da súa. Prestoulla unha veciña mentres buscan unha solución máis duradeira: "Esa muller deixounos unha casiña, estamos aí vivindo. Para comer imos a un restaurante. E o Concello estanos buscando unha casiña de alugueiro, a ver o que se pode facer", di Fernando, o home de Tamara.

Perderon todas as súas pertenzas, incluída a roupa. A que levan agora é doada, de veciños particulares e do roupeiro de Cáritas. Desde o Concello abriron, ademais, unha conta solidaria en Abanca.

"É empezar de cero. Menos mal que a xente do lugar me deu esta roupa. Estanse portando moi ben e o Concello tamén. Estamos empezando a ver a luz ao final do túnel", di Fernando.

"Queremos comezar de cero, pero aquí en Taboadela. Estamos moi contentos aquí na vila. Axúdannos, arróupannos, tanto os veciños coma o Concello. Agradecémosllo moito", engade Tamara.

O alcalde de Taboadela asegura que non van quedar desamparados. Traballadores municipais asístenos nos trámites burocráticos, co seguro da vivenda e para xestionar axudas públicas, e tamén lles están buscando unha nova casa, en réxime de alugueiro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/09/2019