Abre un quiosco en Sabarís en plena crise polo coronavirus
Martín leva case un ano traballando como quiosqueiro, pero xa dende xaneiro decidiu apostar forte e ampliar o seu negocio. Abriuno este un de abril en plena corentena e cun país paralizado a nivel laboral por esta pandemia.
Martín non quere pensar no futuro, só no día a día. E, aínda que de momento as vendas non son o que deberían de ser, non se queixa.
Na súa apertura non houbo inauguración oficial cos seus veciños, aos que atende diariamente cun sorriso a pesar da distancia.
Non ten todos os produtos que lle gustaría ,pero os suficientes para matar o aburrimento entre os seus clientes. Cada día que pasa é para el unha satisfacción. E aínda que recoñece ter medo, a súa filla dun mes dálle folgos para ser positivo.
Este autónomo, que dá traballo a unha segunda persoa, será recordado por abrir o seu quiosco en plena crise do coronavirus.