CRTVG

Buscar

Aberta a reserva de praza das vacacións subvencionadas de Elixe Galicia

Publicado o 05/10/2020 13:48

Para aliviar sequera un pouco a situación do sector hostaleiro, acaba de abrirse o prazo para solicitar praza no programa Elixe Galicia para o ano que vén. É unha iniciativa en que a Xunta subvenciona o 40% da viaxe para favorecer o turismo interior fóra dos períodos máis concorridos.

Os itinerarios posibles dentro do programa de vacacións subvencionados inclúen zonas costeiras, rutas de Patrimonio Cultural, rutas de natureza e estadías en balnearios. Para ter posibilidade desas vacacións o ano que vén hai que que reservar praza este mes.

A edición deste ano, adiada pola covid-19, leva desde setembro en marcha e están a participar preto de 4.500 persoas. A iniciativa abrangue tres grandes grupos.

Lidia Vidal, responsable de comunicación de CN Travel, explica que vai destinada a mozos, a familias e a xubilados "para coñecer o seu propio territorio, para coñecer Galicia e intentar darlle un pouquiño de aire, un pouquiño de vida ao sector turístico, que agora mesmo é un dos máis afectados coa crise da covid-19".

Só hai que ir a calquera axencia de viaxes que estea aberta ao público para presentar a solicitude durante este mes e inscribirse na oferta que lle resulte máis interesante.

Engade Vidal que hai unha variedade moi ampla de actividades. "Temos desde rutas da natureza, rutas de costas, patrimonio e cultura, estancia en balnearios. Esta é a que máis éxito tivo durante 2020, que aínda se poden facer reservas. E a verdade é que están a ter moi boa acollida", asegura.

O programa Elixe Galicia é das poucas propostas turísticas que están activas na actualidade. O medo ante a pandemia fai que numerosos viaxeiros desistan ou dubiden á hora de saír.

Afirma a responsable de comunicación de CN Travel que están chamando moitos preguntando se segue en pé a viaxe, se vai saír o autobús.

"Si, seguen as viaxes e hai moito medo, pero tamén un protocolo moi estrito que se está a cumprir para que todo vaia como debe ir. Pódese viaxar seguro. Así que, realmente, o medo hai que intentar deixalo na casa e desfrutar da viaxe ao final", asegura.

Está previsto que as viaxes de 2021 empecen en marzo ata fin da ano. Non inclúen as datas de Semana Santa, nin o verán nin pontes ou festivos.

Noticias web

05/10/2020