CRTVG

Buscar

Morre un home abatido pola policía tras ferir cun coitelo seis persoas en Glasgow

Publicado o 26/06/2020 20:20
Morre un home abatido pola policía tras ferir cun coitelo seis persoas en Glasgow

A Policía escocesa confirmou este venres a morte do home que levou a cabo un ataque con coitelo nun céntrico hotel de Glasgow, no que seis persoas resultaron feridas, e descartou que se trate dun suceso terrorista. "A persoa que recibiu un disparo da policía armada morreu.

Outras seis persoas están no hospital para recibir tratamento polas súas feridas, incluído un oficial de policía, que se atopa en estado crítico, pero estable", afirmou Steve Johnson, adxunto ao xefe de Policía de Escocia, nunha declaración aos medios desde o lugar do suceso.

O resto de vítimas son cinco homes de 17, 18, 20, 38 e 53 anos, que tamén se atopan hospitalizados, indicou Johnson. Os medios informaran de tres mortes citando a fontes policiais, pero este extremo non está confirmado oficialmente. Informouse, ademais, de que o hotel onde ocorreron os feitos non aloxaba turistas debido ás restricións impostas pola pandemia de COVID-19, senón que servía de aloxamento temporal para varios solicitantes de asilo.

"Os nosos pensamentos están coas familias dos feridos, incluído o noso oficial (...). O incidente non se trata como terrorismo e a nosa investigación sobre as circunstancias continúa. Non existe un risco maior para o público, con todo, a rúa permanece pechada e a xente debe evitar a área", sinalou o portavoz policial.

A ministra principal de Escocia, Nicola Sturgeon, agradeceu a rapidez dos corpos policiais e os servizos de emerxencia que se desprazaron ao lugar aos dous minutos de ser alertados e instou os cidadáns a seguir as recomendacións das autoridades e a informarse polas canles oficiais.

"Claramente, xa hai moita especulación sobre este incidente, que segue baixo investigación. Insto a todos a evitar esa especulación, a non compartir material potencialmente daniño ou molesto nas redes sociais e a seguir o consello da policía mentres se realizan as investigacións", sinalou Sturgeon en declaracións á cadea BBC. 

Noticias web

26/06/2020