CRTVG

Buscar

A xustiza madrileña tomba as medidas do Ministerio de Sanidade para a comunidade

Publicado o 08/10/2020 21:09

• Os xuíces ven nas limitacións unha "inxerencia" dos poderes públicos nos dereitos fundamentais dos cidadáns

• A medida chega poucas horas antes do inicio da ponte do Pilar

• Sánchez defende as medidas adoptadas en Madrid mentres Ayuso pide aos cidadáns que non saian da cidade

O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid rexeita as restricións de mobilidade impostas por Sanidade. Dende o venres só se permitían os desprazamentos xustificados. Pero o peche perimetral da cidade de Madrid e doutros 9 municipios da comunidade queda agora anulado.

No seu auto, ante o que cabe recurso, o Tribunal di que non ratifica a orde do Ministerio porque afecta os dereitos e liberdades fundamentais dos cidadáns. Dereitos que non poden verse afectados - di o texto- por ningunha inxerencia estatal non autorizada. 

O alcalde de Madrid reclama un marco normativo para as comunidades. E pídelles aos madrileños que eviten desprazamentos innecesarios. Dende a oposición insisten na importancia das medidas

Ao non contar co aval xudicial, non se poderán impoñer sancións aos que incumpran. Ademais do peche perimetral, quedan suspendidas outras medidas como limitacións de afluencia e horarios. Un pequeno respiro para os bares, que recuperan o servizo en barra e poden abrir pasadas as 11 da noite. Pero a situación xurídica podería volver a cambiar.

A decisión xudicial chega cando a Audiencia Nacional ten aínda pendente decidir sobre as medidas cautelares solicitadas pola comunidade madrileña ante as restricións. Madrid ten 10 días para presentar alegacións e os xuíces cinco días para pronunciarse.

Ante a inminencia dunha ponte festiva, o goberno rexional fixo un chamamento aos madrileños. Isabel Díaz Ayuso pídelles aos madrileños dos 10 concellos afectados pola resolución que non saian durante a ponte. Coa  decisión do Tribunal de Xustiza de Madrid poderían facelo. Deixa sen efecto  todas as limitacións de mobilidade da orde do Ministerio de Sanidade que entraran en vigor hai seis días.