CRTVG

Buscar

A xustiza invalida a Área Metropolitana de Vigo

Publicado o 23/09/2020 21:09

O Xulgado do Contencioso-Administrativo de Vigo estima en parte o recurso interposto pola Xunta e anula a posta en marcha da área metropolitana de Vigo. Considera que só pode facerse se está integrado o transporte urbano da Cidade Olívica no Plan de transporte metropolitano. Coñecida a sentenza, o alcalde Vigo reitera a súa negativa a integralo.

"Non aceptamos nin imos aceptar nunca estar nun transporte que o que fai é obrigarnos a pagarlles a viaxe íntegra nos autobuses de Vigo aos que son de fóra de Vigo, con todo o respecto a esa xente, que a queremos porque son da área, pero quen o ten que pagar é a Xunta de Galicia", di Abel Caballero, alcalde de Vigo.

Ademais, a sentenza declara inválidos os actos posteriores á constitución da asemblea da área, celebrada o 1 de decembro de 2016. A Xunta valora que a xustiza lle dea a razón e lamenta os 4 anos perdidos.

"A política de confrontación que utiliza Abel Caballero non valeu máis que para perder estes catro anos. Ao final a xustiza pon as cousas no seu sitio, e eu agardo que agora si que poida funcionar a área metropolitana co transporte de Vigo, que é o que di a sentenza e que é o que Abel Caballero non quería facer", asegura Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia.

A sentenza pode ser recorrida no Tribunal Suprior de Xustiza de Galicia.

Noticias web

23/09/2020