CRTVG

Buscar

A xustiza estadounidense prevé acusar "varios centos de asaltantes" ao Congreso

Publicado o 12/01/2021 23:26
A xustiza estadounidense prevé acusar "varios centos de asaltantes" ao Congreso

O Departamento de Xustiza estadounidense informou este martes que xa acusou formalmente a máis de 70 persoas, pero espera que a cifra suba a "varios centenares", polo ataque "sen precedentes" do pasado mércores ao Capitolio dunha turba de seguidores do presidente Donald Trump.

"Estamos a apuntar a cargos significativos de sedición e conspiración", dixo nunha conferencia de prensa Michael Sherwin, fiscal federal interino no Distrito de Columbia, onde se atopa Washington, ao resaltar a gravidade da caótica xornada ocorrida o pasado mércores, que deixou cinco persoas falecidas, entre elas un policía.

Sherwin asegurou que xa abriron máis de 170 investigacións contra individuos que foron identificados como potenciais responsables de "delitos dentro e fóra do Capitolio", e sinalou que a gama de casos e condutas delituosas que están a analizar "é realmente alucinante". "A magnitude desta investigación vai requirir moito traballo e esforzo. Non se vai a resolver da noite para a mañá ou nas próximas horas, vai tomar moito tempo", agregou.

O fiscal interino puntualizou que "este é só o comezo" ao detallar que empezarán por presentar os cargos máis simples e que despois, mediante denuncias penais, buscarán arrestar a persoas en diferentes puntos do país. Os cargos de sedición, sostivo, poden carrexar unha pena de ata 20 anos de cárcere.

Pola súa banda, o xefe da oficina en Washington do FBI, Steven D'Antuono, asegurou na mesma conferencia de prensa que "a brutalidade que o pobo estadounidense viu conmocionado e incrédulo" o pasado 6 de xaneiro "non será tolerada polo FBI". "Os homes e mulleres do FBI non deixarán pedra sen remover nesta investigación", agregou D'Antuono, ao apuntar que en só seis días abriron máis de 160 casos e que isto só é "a punta do iceberg".

Noticias web

12/01/2021