CRTVG

Buscar

A xustiza declara nulo o ere de Alcoa ao apreciar mala fe por parte da empresa

Publicado o 17/12/2020 15:20

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decreta nulo o ere de Alcoa ao apreciar mala fe nas negociacións por parte da empresa. Acaba de darse a coñecer a decisión do alto tribunal galego, unha sentenza de 300 follas.

Os traballadores de Alcoa San Cibrao celebran o que consideran unha vitoria laboral e moral. A xustiza dálles a razón e decreta nulo o ere de despedimento de 524 empregados da planta de aluminio. A sentenza di que Alcoa actuou de mala fe nas negociacións, e non poderá executar o despedimento colectivo.

Alberto Pulpeiro, vicepresidente do comité de empresa, di que "os ánimos están altos, porque é unha vitoria moi importante. Non é doado conseguir a nulidade dun ere"

Os xuíces consideran que Alcoa tiña tomada a decisión estratéxica de parar as cubas para pechar a fábrica da maneira máis rendible. O comité cre que a sentenza obriga á multinacional a negociar a venda da factoría.

José Antonio Zan, presidente do comité de empresa de Alcoa, advírtelle a Alcoa que "ten que sentarse xa a negociar, levar a cabo esa venda e seguir co cen por cento da produción e dos postos de traballo"

Os xuíces que asinan a sentenza aprecian outro matiz. Din que é significativo que o ere incluíra un número de traballadores que lle permitía a Alcoa pechar as cubas, pero sen ter que devolver as axudas que recibiron das administracións públicas.

Alcoa di en todo o proceso actuou conforme á legalidade e nega mala fe nas negociacións. A multinacional di que está revisando o fallo para ver que pasos dá a partir de agora.

Desde o ministerio de Industria amosaron a súa satisfacción pola sentenza. A ministra Reyes Maroto di nun chío que se fixo xustiza cos traballadores e con toda a comarca da Mariña, que, asegura, hoxe poden estar máis tranquilos.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, cualificou como unha "boa noticia" a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que declara nulo o ERE de Alcoa e espera que a empresa "volva agora á senda do diálogo" para negociar a venda da planta. Así, recoñeceu e agradeceu o "esforzo conxunto" realizado polo comité de empresa e as administracións e incidiu en que Alcoa "debe rectificar e traballar na venda da planta, sobre todo sabendo que hai un operador disposto a investir e que quere manter a actividade"