CRTVG

Buscar

A Xunta permite cazar xabarís sen restricións nunha trintena de concellos

Publicado o 30/09/2019 22:12

Na última temporada de caza abatéronse en Galicia máis de 16.000 xabarís. A Xunta considera necesario seguir reducindo o número de exemplares desta especie e para iso segue primando as medidas cinexéticas.

O DOG do próximo mércores publicará unha modificación da resolución de vedas vixente que permitirá acelerar os trámites de solicitude de batidas ao non esixir a verificación previa de danos. Ademais, a semana que vén declararanse catro zonas de emerxencia cinexética temporal.

"Son as comarcas de Betanzos-Eume, Terra Chá, Viana e O Deza", di Belén Docampo, directora xeral de Patrimonio Natural.

Nesas zonas é onde se rexistrou un maior número de declaracións de danos e tamén de accidentes de tráfico por mor dos xabarís. Nestes 33 concellos poderase cazar todos os días da semana, sen límite de exemplares de ambos sexos. Os 'tecores' poderan solicitar varias batidas por xunto para simplificar os trámites, e axudar os particulares afectados a tomar medidas inmediatas.

A Xunta solicitoulle tamén ao Goberno central que elabore un censo estatal desta especie e que acelere a posta en marcha da comisión de seguimento conxunta de todas os comunidades para estar alerta fronte á peste porcina africana que xa foi detectada en varios países europeos.

Noticias web

30/09/2019