CRTVG

Buscar

A Xunta urxe o Goberno a buscar alternativas á subida da peaxe en AP-9

Publicado o 17/12/2019 12:39
A Xunta urxe o Goberno a buscar alternativas á subida da peaxe en AP-9

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, instou este martes o Goberno e España a que fixe con urxencia, e antes de que o Consello de Ministros aprobe a subida prevista para a peaxe da AP-9, unha data para a celebración da reunión da comisión de seguimento, tal e como solicitou por carta a Xunta de Galicia a semana pasada.

"O Goberno de España ten unha proposta da concesionaria, que supón a maior subida das peaxes de todo o país, e ten outra proposta, que é a da Xunta de Galicia, viable e realista, para evitalo", dixo Vázquez antes do inicio dun acto en Vigo.

Na carta, a Xunta propuxo unha revisión do convenio alcanzado en 2011 polo Goberno de Rodríguez Zapatero con Audasa, a empresa concesionaria da AP-9, para sufragar os custos da ampliación da autoestrada.

Un acordo, dixo Vázquez, "que supón un negocio redondo para Audasa e malísimo para Galicia", xa que a empresa concesionaria recibirá 1.400 millóns de euros "vía peaxe de todos os galegos" a cambio dunhas obras que custaron 230 millóns.

A Xunta pretende que esa cantidade se rebaixe ata os 265 millóns de euros e evitar "unha suba graduada importantísima" da peaxe na AP-9 que é "o negocio do século para Audasa" e moi "prexudicial para Galicia".