CRTVG

Buscar

A Xunta situará unha nova ambulancia en Lalín

Publicado o 23/10/2019 12:32

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este mércores que proximamente haberá unha nova ambulancia na comarca do Deza, situada en Lalín.

Núñez Feijóo fixo este anuncio durante a súa intervención na sesión de control a preguntas da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que cuestionou as políticas sanitarias da Xunta, en que sostivo que "os recortes matan".

Na súa intervención, Pontón lembrou o caso dun home falecido en Dozón recentemente, cuxos familiares asistiron ao pleno, tras o atraso na chegada dunha ambulancia.

O presidente da Xunta insistiu en que a sanidade galega funciona mellor que nunca "e nunca houbo tantas ambulancias en Galicia".

Indicou, ademais, que haberá unha investigación para saber as causas da morte dese paciente, que lle serán trasladadas en primeiro lugar aos seus familiares.

Ademais, indicou que ata catro ambulancias de municipios próximos na comarca estaban ocupadas no momento da urxencia dese paciente finalmente falecido en Dozón e lembrou o concurso de ambulancias posto en marcha pola Xunta en abril, que foi "adxudicado en setembro", e que aumenta o número de ambulancias en Galicia.

Nese concurso non estaba previsto situar a ambulancia en Lalín que anunciou hoxe o presidente galego, polo que se trata dunha nova unidade e non da recolocación das xa anunciadas.

"Teño unha mala noticia que darlle, haberá unha nova ambulancia no Deza situada en Lalín", díxolle Núñez Feijóo á deputada nacionalista, á que engadiu: "Debería cando menos informarse e documentarse e non vir aquí xogar coa dor das familias".

Núñez Feijóo e Ana Pontón intercambiáronse duros reproches durante o debate, no que o presidente galego mentres defendía o labor do servizo 061 chegou a suxerirlle á deputada nacionalista que o BNG quería que funcionase "mal" este servizo "durante a noite lutuosa de Angrois e a noite disparatada do Marisquiño".

Estas palabras, cando a deputada non tiña quenda de réplica, provocaron a súa queixa tras finalizar a sesión de control e pediulle ao presidente do Parlamento que fosen retiradas por ser "unha barbaridade" e por entender que "danan e degradan" o seu grupo.

O presidente da cámara, Miguel Santalices, con todo, sinalou que el sabía "distinguir como fora" o debate e non consideraba que procedese a retirada destas expresións.

Durante a súa intervención, Pontón instara o presidente galego a que "por humanidade" non saíse da cámara sen o compromiso de que habería "unha ambulancia medicalizada" no Deza, unha petición dos veciños da comarca desde "hai unha década".

Ademais, insistiu en pedirlle a Núñez Feijóo que rectifique as súas políticas sanitarias, que incremente "como mínimo" en 140 millóns o orzamento de Atención Primaria, que convoque "as 5.000 vacantes" e que "rescate Povisa para o público".

"Siga desprestixiando e falando de mortes e de recortes. Alá vostede e a súa conciencia", replicoulle Núñez Feijóo, que acusou a Pontón de levar ao Parlamento "continua manipulación, en sanidade especificamente".

Insistiu en que o seu Goberno mellorou a sanidade "de forma continua e constante" desde a súa chegada en 2009 e afirmou que dos 300 millóns de subida global do orzamento para o próximo ano, 128 millóns serán para sanidade, o que servirá para crear 407 prazas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí