CRTVG

Buscar

A Xunta propón manter as medidas preventivas na Mariña e levantar as restricións nos concellos menos afectados

Publicado o 09/07/2020 19:20

• Burela concentra 122 casos, seguido de Foz con 15 e Viveiro con 11

• As eleccións vanse celebrar "con normalidade", asegura o presidente

 

A Xunta propón manter "por prudencia" as medidas de prevención nos concellos da Mariña, pero limitar as restricións de movemento só nos concellos máis afectados, segundo dixo esta mañá Alberto Núñez Feijóo ao remate da conferencia de prensa do último consello antes das eleccións.

A decisión definitiva tomarase mañá na reunión do comité clinico, e publicarase o mesmo venres no Diario Oficial de Galicia.

O presidente da Xunta informou de que 3 de 4 positivos se están dando no concello de Burela e que son cinco os municipios máis afectados polo brote da Mariña. Na comarca hai nove concellos sen ningún caso nos últimos días e estaría enriba da mesa suspender alí as restricións á mobilidade.

As medidas que se manterían en toda A Mariña serían as referidas ao uso das máscaras, e as limitacións da capacidade de locais e as reunións familiares cun máximo de 10 persoas.

Feijóo considera que a situación en Galicia é "moi estable" e recordou que en 303 dos 313 concellos do país non se produciron casos novos nos últimos días. Lembrou tamén que en toda España hai activos 67 brotes.

Dos contaxiados na Mariña destacou tamén que a gran maioría son asintomáticos, que a idade máis repetida dos infectados e de 20 anos e que hai 5 persoas hospitalizadas na Mariña, das cales ningunha delas está na UCI.

Eleccións 

Preguntado polos xornalistas, Feijóo asegurou que as eleccións en Galicia se van desenvolver "con normalidade" porque se tomaron todas as medidas das autoridades sanitarias. 

O presidente da Xunta considera que Galicia está nunha situación "normal” e que é "imposible garantir que en setembro ou en outubro esteamos mellor que agora".

Tamén recordou que unhas 300.000 persoas se moveron estes días en Galicia por mor da celebración das probas da ABAU e que a actividade económica continúa. "Ninguén discute que os bares teñen que seguir abertos", dixo.

Sobre os casos positivos, dixo que o "lóxico" é que non vaian votar, a pesar de que existe un "baleiro legal" ao respecto.