CRTVG

Buscar

A Xunta presenta tres opcións para a iluminación ornamental da ponte de Rande

Publicado o 03/02/2020 15:18

• O Goberno censura que a Xunta intente "apropiarse" da iluminación

As tres propostas de iluminación para a ponte de Rande xa están redactadas e orzamentadas por tres empresas distintas despois de que Audasa atendese este petición da Xunta de Galicia para impulsar un dos viadutos máis emblemáticos de Galicia.

A primeira proposta sería de 226.000 euros e iluminaría só os tirantes da ponte. A segunda opción conta con dúas alternativas: iluminación do taboleiro con 600 proxectores que varían a súa intensidade, e a outra incorporaría tamén os pilonos e os tirantes. O seu custo é de 650.000 euros. A última, e máis completa, iluminaría toda a estrutura e suporía un investimento dun millón de euros. Agora pídenlle a Fomento unha delas para poder iniciar a iluminación desta ponte senlleira.

A Xunta estaría disposta a colaborar economicamente coa concesionaria se fose necesario. Tamén consideran que esta posta en valor da ponte é unha revindicación máis para a AP-9.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana acusa a Xunta de tentar "apropiarse" do proxecto de iluminación ornamental da ponte de Rande, máxime cando "non ten competencias" na materia "nin achega fondos". Nun comunicado, a administración central tacha de "improcedente" a rolda de prensa do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a conselleira de Infraestruturas e Movilidad, Ethel Vázquez, e a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, na que detallaron as propostas que manexa a concesionaria da AP-9.

Noticias web

03/02/2020