CRTVG

Buscar

A Xunta preparará o plan de vacinación cando saiba cantas doses lle tocan a Galicia

Publicado o 07/12/2020 14:45

• Feijóo salientou que "as cousas van ben" pero pediu "responsabilidade" con vistas ao Nadal

O presidente da Xunta asegura que a evolución da pandemia en Galicia vai por bo camiño, pero pide responsabilidade para non desandar o logrado.

Alberto Núñez Feijóo espera coñecer antes de que remate o mes cantas vacinas lle van corresponder á nosa comunidade para deseñar o plan galego de vacinación.

Feijóo salientou este luns que "as cousas van ben", xa que seguen "diminuíndo os casos novos", pero pediu "responsabilidade" á cidadanía con vistas ao Nadal.

Nunha visita ao polígono de Morás, en Arteixo, tamén celebrou que esta fin de semana o número de  PCRs positivas "baixou" e indicou que o domingo se fixeron na comunidade máis de 10.000 probas de coronavirus.

Ademais, apuntou que o Servizo Galego de Saúde continúa facendo  cribados nas "áreas máis castigadas", tales como Vigo e Moaña e pediu o "maior respecto e responsabilidade" nas festas.

"Se en Nadal facemos un comportamento responsable non haberá terceira onda", asegurou o presidente galego.

Por outra banda, Núñez Feijóo pediu ao Goberno central que "concreten" o número de vacinas que chegará a Galicia, a periodicidade e cales son os "colectivos prioritarios".

"Espero que este mes teñamos calendario de entrega de dose", reclamou o xefe do Executivo galego, que esperou poder presentar canto antes o programa de vacinación.

Noticias web

07/12/2020