CRTVG

Buscar

A Xunta pide que o Estado asuma o custo das obras na AP-9

Publicado o 18/02/2019 19:17

Son, en concreto, dúas propostas: por un lado, que sexa o Estado, vía orzamentaria, quen amortice, en cinco anos, o custo das obras de ampliación da AP-9, e non os usuarios da autoestrada, porque ese é o principal motivo de que as tarifas se incrementen aquí con subas extraordinarias. E en segundo lugar, a Xunta demanda tamén que todas as viaxes de ida e volta que se fagan o mesmo día teñan un desconto do 25 por cento, que asumiría tamén o Estado. Estas dúas medidas paliarían, segundo a Xunta, a situación de agravio comparativo que denuncia que sofre Galicia respecto doutras zonas do Estado.

A Xunta propón amortizar en cinco anos o custo das obras de ampliación executadas na AP-9 para evitar dese xeito o encarecemento extraordinario das tarifas nas peaxes.

O Goberno galego propón ademais, para todos os usuarios, bonificar nun 25 por cento as viaxes de ida e volta que se fagan no mesmo día, e estima que o custo da medida sería de 12,9 millóns o primeiro ano. A Xunta quere paliar dese xeito o que considera un agravio para Galicia e un gran negocio para a concesionaria Audasa, que achaca ao real decreto aprobado en 2011.

A conselleira de Infraestruturas asegura que a proposta da Xunta, que presentará ante o Goberno que saia das vindeiras eleccións xerais, é viable, realista e dá resposta a un clamor social.

Redondela pide o apoio dos cidadáns para saír á rúa

Seguimos na AP-9, agora é en Redondela onde os veciños piden o apoio de toda a cidadanía para participar na manifestación do próximo sábado pola eliminación da peaxe. Xunto cos veciños do barrio vigués de Teis, tamén piden a instalación de pantallas acústicas na autoestrada preto dos núcleos de vivendas. Desde a federación veciñal din que a clave é a vontade política. 

Noticias web

18/02/2019