CRTVG

Buscar

A Xunta intervén a residencia do Incio tras confirmar o contaxio de 59 anciáns

Publicado o 20/08/2020 21:26

• Hai oito coidadores afectados e dous usuarios están hospitalizados 

• O protocolo activouse co positivo dunha traballadora vencellada co gromo de Monforte, onde hai xa 38 casos

• A residencia separou por plantas os positivos dos negativos

A Xunta de Galicia tomou a decisión de intervir a residencia de maioresdo Incio, tras o gromo de coronavirus detectado hoxe e que afecta a un "elevado número de usuarios do centro". Tras avaliar a evolución epidemiolóxica do centro coas consellerías de Sanidade e Política Social, acordaron tomar esta decisión para "garantir a calidade asistencial e a correcta protección da saúde dos residentes e traballadores do centro".

Coa intervención sanitaria da residencia, os profesionais do Servizo Galego de Saúde farán un seguimento médico constante das persoas usuarias desta residencia e supervisarán a correcta aplicación dos protocolos aprobados pola Xunta de Galicia. 

O protocolo activouse cando se soubo que unha traballadora da residencia, que vive en Monforte, onde está activo un gromo desde hai días, dera positivo por coronavirus. A partir de aí fixéronse case 200 probas PCR, a todos os usuarios e a todos os traballadores do centro. 

Detectáronse 8 profesionais positivos, de entre os 74 que integran o cadro de traballadores do centro, e tamén 57 usuarios con diagnóstico positivo, do total 116 residentes da residencia do Incio. A esta cifra hai que engadir dous residentes máis que están ingresados no Hospital Universitario Lucus Augusti e que tamén obtiveron resultado positivo.

O resto dos usuarios están asintomáticos. Ademais, o conxunto de traballadores con resultado positivo gardan corentena no seu domicilio.

Desde esta mesma mañá, a Consellería de Sanidade desprazou un equipo sanitario ata a residencia para reforzar a súa asistencia e tamén activou un conxunto de medidas para frear a expansión do virus no centro.

A residencia separa os positivos dos negativos

Dentro da residencia activouse o protocolo covid, pecháronse as zonas comúns, e separáronse por plantas os usuarios positivos e os negativos, que están sendo atendidos por equipos sanitarios diferentes. Pero do que se trata agora é de saber se o gromo se concentra aquí na residencia ou se se puido estender. Por iso se empezaron xa a rastrexar os contactos de todos os positivos para determinar o seu alcance. 

Ramón Ares, xerente da área sanitaria de Lugo, Monforte e A Mariña: "Esta mañá desprazouse un equipo para valorar a situación sobre o terreo. De momento, excepto tres residentes, o resto son asintomáticos. Xa estamos avaliando a situación e tomando todas as medidas necesarias para controlar o gromo dentro da residencia".

Os traballos céntranse agora en rastrexar todos os contactos dos positivos, para saber cal é o alcance do gromo. O concello do Incio suspendeu cautelarmente o servizo de axuda a domicilio. Pero, polo momento, non hai constancia de máis positivos na vila. Preocupa a estreita relación co veciño concello de Monforte, onde o gromo detectado hai tres días suma xa 38 casos.

Ramón Ares, xerente da área sanitaria: "Queremos acoutalo canto antes, estamos intentando facer coa maior brevidade todos os contactos estreitos que imos coñecendo, facerlles a proba e deixalos illados desde o primeiro momento". 

Un dos positivos de Monforte é un traballador dunha residencia de anciáns da vila, pero non tivo contacto cos residentes porque está de vacacións. Tamén hai positivos entre traballadores de hostalería, o que levou moitos negocios a pechar voluntariamente.

Cerca do Incio e de Monforte detectouse outro gromo, en Sarria, que afecta dúas familias e suma nove infectados. Un médico e varios axentes da Policía Local están corentena.

O Concello do Incio suspende o servizo de axuda no fogar, feiras e diversas actividades

O Concello do Incio  decidiu suspender de forma temporal o servizo de axuda no fogar, salvo en casos de especial vulnerabilidade.  Nun bando da Alcaldía, tamén se informa da suspensión de toda actividade lúdica, cultural e deportiva, así como feiras e mercados. Pola súa banda, procederase á reapertura do servizo de entrega a domicilio de medicamentos e alimentos a aquelas persoas que o necesiten.  

O Incio ofrece colaboración a todos os veciños para o que poidan necesitar a través do teléfono do Concello, o 982 427 014.  O Concello destaca que está en contacto "permanente" coa residencia, Xunta e autoridades sanitarias, mentres se determina o alcance do gromo.