CRTVG

Buscar

A Xunta intervén a residencia de maiores de Ribadumia, que rexistra 25 casos de covid-19

Publicado o 28/10/2020 14:35

A Xunta de Galicia interveu a residencia de maiores DomusVi Ribadumia tras rexistrar 25 casos positivos de covid-19, dos cales 20 son usuarios e cinco traballadores.  

Así o informou nun comunicado de prensa a Consellería de Sanidade, que explicou que adopta esta medida "a fin de reforzar o persoal do centro".  

Sanidade indicou que "unha vez avaliada a situación da residencia", este departamento e o de Política Social "acordaron tomar esa medida co obxectivo de garantir a calidade asistencial e a correcta protección da saúde tanto das persoas usuarias como dos traballadores do centro".  

Ademais, concretou que un equipo de profesionais sanitarios do Servizo Galego de Saúde "está xa desprazado no centro" e ocúpase de facer un seguimento médico permanente sobre a situación dos residentes" e tamén de "vixiar a correcta aplicación das medidas de prevención, seguridade e hixiene fronte á covid-19 aprobadas pola Xunta", engade.  

"Os profesionais do Sergas tamén velarán pola continuidade dunha atención sanitaria adecuada na residencia", concluíu Sanidade.

110 casos na residencia de Salvaterra

No interior da residencia de Salvaterra o traballo é intenso nos últimos días tras aumentar ata 110 o número de infectados por coronavirus. Oitenta e tres son residentes e 26 traballadores.

Entre os residentes afectados hai que contabilizar xa un falecido de 84 anos. Outros dous anciáns positivos están hospitalizados, un deles evoluciona favorablemente. Da vintena de traballadores, a meirande parte presentan síntomas leves.

Esta residencia tamén foi intervida pola Xunta de Galicia. Entre outras moitas cousas para facilitar profesionais do Sergas que poidan facer un seguimento médico continuado dos residentes.

Nos exteriores do edificio a vida continúa, aínda que a preocupación xa se deixa notar nas rúas e mesmo nos negocios particulares.

Dende os exteriores, persoal doutros sectores facilítanlle o día a día. Todos son conscientes dunha situación dura e difícil. Tamén para os familiares que agardan fóra.

Unhas pancartas que locen neses accesos son unha boa mostra do seu agradecemento. Aínda que sexa dende a ventá, os seus ánimos queren traspasar estes muros e chegar aos que estes días loitan contra este virus dende a primeira liña.

Máis sobre Ribadumia