CRTVG

Buscar

A Xunta inicia os trámites para crear un organismo público de xestión da auga

Publicado o 10/10/2019 18:30

• Abre a posibilidade de marisqueo sábados, festivos, Semana Santa e decembro

Boa parte dos concellos galegos teñen dificultades económicas ou técnicas, explica a Xunta, para xestionar debidamente a auga, tal e como requiren unhas normas cada vez máis estritas para facerlle fronte ao cambio climático.

O Goberno galego inicia os trámites para crear unha empresa pública participada maioritariamente pola Xunta, que funcione ao xeito de Sogama cos residuos, e á que convidan a participar a concellos e deputacións.

Esta iniciativa, explica o presidente, permitirá garantir unha xestión axeitada da auga e abaratar os custos do servizo.

Nova organización das áreas sanitarias: unha dirección para primaria e outra para hospital 

Visto e prace da Xunta a tres decretos para reorganizar o Sergas, onde se crea unha Subdirección Xeral de Humanización e Atención á Cidadanía, e cumprir os compromisos que adquiriran cos profesionais da atención primaria. A partir de agora, en cada área sanitaria terá unha dirección para atención primaria e outra de atención hospitalaria.

Tamén se crea, como acordaran, un órgano onde os responsables de cada ambulatorio poderán facer propostas aos xefes de área, un consello de pacientes de área e un consello de dirección en que participarán os concellos.

Novo decreto do marisqueo

O Consello da Xunta aprobou un novo decreto de marisqueo que inclúe un novo concepto de plans de xestión con obxectivos a tres anos, á vez que abre a posibilidade de faenar en festivos e sábados en datas extraordinarias como Nadal e Semana Santa. Agora este texto, que busca actualizar unha regulación de 1993, será sometido ao ditame do Consello Consultivo de Galicia. Este período de tres anos considérase adecuado para observar a evolución dos recursos, polo que o decreto establece que nos próximos anos prorrogarase tanto o plan xeral de explotación marisqueira de 2019 como os plans de xestión para recursos específicos deste ano.
O obxectivo é que o primeiro plan de xestión trianual de marisqueo de recursos xerais sexa o do período 2021-2023, mentres que o de recursos específicos sexa o dos anos 2022-2024. No marco das actividades do marisqueo atópase a realización de turismo mariñeiro polos mariscadores en apoio do uso de sustentable dos recursos. Ademais, o Goberno galego sinala que para responder a iniciativas do sector como a xestión de novos recursos, novas zonas principais de traballo ou novas técnicas ou artes regulamentarias poderán aprobarse plans de xestión de vixencia inferior a tres anos.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/10/2019