CRTVG

Buscar

Máis do 80% de residencias de maiores e de discapacitados permitirán visitas unha vez por semana desde o luns

Publicado o 15/05/2020 15:24

A volta á actividade das residencias de maiores e de persoas con discapacidade farase en tres etapas. A partir do luns poderán empezar a recibir unha visita por semana e con cita previa aquelas en que ningún usuario nin traballador tivera o virus nos últimos quince días e que estean en concellos con moi poucos casos. O 82% delas cumpren estes requisitos.

Xa na primeira fase tamén permitirán paseos limitados na contorna e poderán ingresar novos residentes tras pasar unha proba PCR. Cada quince días irán pasando de nivel co visto e prace das autoridades sanitarias. Alberto Núñez Feijóo di que as visitas supoñen riscos, pero que é o momento de recuperar o contacto coas familias. "Se hai un caso, teremos que pechar a residencia de novo", avisa. 

O Consello da Xunta tamén aprobou 23,5 millóns de euros para axudar as pequenas e medianas empresas, autónomos e comercios, especialmente do rural, a dixitalizarse e prepararse para vender por Internet. O presidente anunciou ademais axudas ao alugueiro de ata 500 euros MENSUAIS para persoas en situación de vulnerabilidade pola COVID-19. Xunta e Goberno cofinancian estes apoios.