CRTVG

Buscar

A Xunta iluminará as bateas da ría de Muros e Noia

Publicado o 19/07/2019 10:17

• Pretende evitar accidentes como o do pesqueiro Nuevo Marcos

• A medida estenderase nunha segunda fase a Pontevedra

A Xunta iluminará as bateas da ría de Muros e Noia

A Xunta iluminará as bateas da ría de Muros e Noia para evitar accidentes marítimos. Así o indicou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a reunión do Consello Galego de Pesca, onde explicou tamén que xa conta coa autorización da Administración central.

O fin é estender esta iniciativa a outras zonas, a seguinte será a ría de Pontevedra, para evitar accidentes coma o do pesqueiro Nuevo Marcos no 2017, en que morreron tres tripulantes despois de chocar contra unha batea.

A titular de asuntos pesqueiros da Xunta explicou que recibiu xa a autorización das autoridades da Administración central para iniciar a iluminación desas plataformas. Quintana respondeu así a unha pregunta relacionada cun recente informe de expertos sobre o afundimento do pesqueiro Nuevo Marcos , que conclúe que o barco chocou contra unha batea, entre outros factores, pola falta de balizas ou sinalización desas instalacións.

A representante da Xunta indicou que desde o ano pasado xa ten previsto esa sinalización nos orzamentos e agora xa conta co "visto e prace" da Administración central para empezar coas bateas na ría de Muros-Noia e "seguiremos avanzando tamén coa ría de Pontevedra". Engadiu que o proxecto é completar a sinalización, destacou que "a máis complicada é a ría de Arousa" e advertiu de que hai unhas 2.000 bateas en Galicia e que en caso de iluminalas todas "pode dificultar moito a navegación". Nese sentido, sinalou que "non é un tema fácil" e que hai que abordalo con "precaución". Como medida de precaución, convidou os armadores a seguir guiándose polas cartas náuticas en que os "polígonos de bateas están perfectamente identificados" porque "non queremos xerar máis luz sobre os problemas da navegación". 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/07/2019