CRTVG

Buscar

A Xunta estuda unha apertura gradual da comarca da Mariña

Publicado o 07/07/2020 20:43

• En 72 horas podería decretar un peche selectivo, xa que o 90 % dos casos están en Burela, Foz e Xove | Feijóo salienta unha "pequena regresión" do brote 

•  Recomenda que os 121 infectados non vaian votar o 12-X

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que o brote de COVID-19 detectado na Mariña lucense está a experimentar unha "pequena regresión", con menos pacientes en seguimento e menor ritmo de positivos detectados na última xornada, polo que expuxo, en coordinación cos expertos e se se manteñen os datos, a posibilidade de "abrir parte da Mariña" e avanzar cara a un peche "máis selectivo" das áreas máis afectadas polo coronavirus.

En declaracións aos medios tras manter unha reunión co comité clínico de expertos, o xefe do Executivo galego cifrou en 121 os positivos activos en relación a este brote, cuxo estado "non reviste gravidade". En concreto, destacou que o 95 % dos pacientes están nos seus domicilios. Ademais, subliñou que a idade media dos positivos é de 35 anos e a idade que máis se repite, os 20.

Por iso, puxo en valor que, polo momento, o brote lucense non afecta a "persoas maiores" e, en particular, que todas as residencias da terceira idade da área, analizadas nun cribado, "están libres de COVID-19". Entre os datos "positivos" que evidencia a evolución deste brote, o xefe do Executivo galego mencionou que as 80 PCR realizadas onte detectaron só tres novos positivos, un "bo dato" que mellora o panorama dos últimos días.

Isto implica que a cifra de positivos deste luns se sitúa no 4,5 %, fronte ao 20,5 % de días anteriores. Do mesmo xeito, incidiu no descenso da cifra de contactos en seguimento, que se sitúa nas 685 persoas na Mariña, 279 menos que o luns, dado que xa terminaron o seu período de corentena. Os expertos sanitarios pediron á Xunta un período de entre 48 e 72 horas para analizar esta tendencia "favorable" na evolución de positivos e tomar medidas que, se se confirma a "curva descendente", poderían derivar nun peche "máis selectivo" da Mariña, só con aqueles concellos "máis afectados".

O presidente galego lembrou que se poderían producir distintos escenarios que determinarían nos "próximos días" que se vaian "reforzando ou aliviando as restricións" do distrito sanitario da Mariña, actualmente illado.

No primeiro escenario, que todo se manteña como ata agora, a Xunta apostaría tamén por manter as medidas.

Con todo, se se agrava o brote, Núñez Feijóo avanzou que se aprobarían "novas restricións" en horarios, ocupacións ou actividades permitidas.

No caso de que se encamiñe cara a unha "melloría notable", destacou, abriríase "unha fase de transición para volver á mesma situación que o resto de Galicia de forma paulatina". Neste último escenario, o presidente galego puxo en valor o traballo dos rastrexadores para indicar se "persisten as dúbidas ou non sobre a transmisión comunitaria" e "se é posible ser máis selectivos co peche" da Mariña.

O 90 % dos casos están en tres concellos

Alberto Núñez Feijóo lembrou que o 90 % dos casos do brote da Mariña se concentran en tres concellos, principalmente Burela e Foz e, en menor medida, Xove. Noutros seis municipios do distrito hai, en total, 13 positivos, mentres que noutros 5 "non hai ningún". Por iso, de cara aos próximos días, expuxo a posibilidade de "diminuír o confinamento nos concellos" a aqueles máis afectados e "abrir unha parte da Mariña".

Polo momento, Sanidade seguirá coa "estratexia" de "tests masivos" para localizar e illar posibles positivos e facer seguimento dos seus contactos -fixéronse 2.667 PCR nesta circunscrición-. "Preocúpanos que poida afectar a persoas vulnerables", dixo o presidente. Os afectados por este brote, con todo, son maioritariamente "persoas novas" que permanecen "asintomáticas" ou con sintomatoloxía leve, que entraron en contacto con "bastante xente" en festas e reunións privadas e en bares da zona.

Na súa intervención, o presidente galego agradeceu a colaboración de todos os alcaldes da área, cos que a Xunta mantén unha reunión de actualización diaria, e da Delegación do Goberno, que axuda co control de desprazamentos na zona. Sobre esta cuestión, mostrou a súa "sorpresa" pola posibilidade de que persoas doutras comunidades entrasen na área para, por exemplo, visitar a Praia das Catedrais. Aínda que a incidencia en Ribadeo "é mínima", apelou a criterios de "prudencia" para respectar a normativa e pediu á Garda Civil que non permita estes accesos.

 No conxunto de Galicia, explicou o presidente galego, a situación da infección por coronavirus é "estable", sen "ningunha persona ingresada" na UCI e só sete hospitalizados en toda a comunidade autónoma, que non rexistra falecidos desde o 10 de xuño. Aínda así, subliñou que a sociedade debe seguir vixiante, sobre todo pola aparición de brotes como o da Mariña ou o da Barbanza, que se dá por "desactivado" xa.

"Sabiamos que os brotes se ían producir e, lamentablemente, sabemos que se van seguir producindo nas próximas semanas e meses", dixo Núñez Feijóo, que reivindicou a eficacia das medidas implantadas.

Noticias web

07/07/2020