CRTVG

Buscar

A Xunta esixirá aprobar todas as materias para superar a ESO e o bacharelato

Publicado o 18/11/2020 09:28

A Xunta esixirá aprobar todas as materias para poder superar a ESO e o bacharelato en Galicia, ao deixar sen efecto o real decreto do Goberno central que abre a posibilidade de poder promocionar sen ese requisito.

O executivo autonómico xa anunciara que estaba en contra desa medida e o conselleiro de Educación confirmou que este curso, a norma volverá ser a que xa rexía antes da pandemia de coronavirus.

Deste xeito, para obter a titulación do bacharelato será necesario aprobar todas as materias dos dous cursos. 

Na ESO será igualmente necesario superar todas as materias, aínda que neste caso podería haber excepcións se o equipo docente está de acordo. Isto é, unha alumna ou un alumno poderían superar a ESO con dúas materias suspensas, sempre e cando non sexan á vez matemáticas e lingua e literatura galega ou española e sempre e cando o profesorado así o acorde.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, dixo que "non imos posibilitar nin queremos que haxa unha baixada de nivel, imos manter os criterios de avaliación e de promoción de curso, imos apostar claramente por unha recuperación progresiva daquelas materias, daqueles contidos didácticos que quedaron, por dicilo dalgún xeito, frouxos no último trimestre do curso pasado".

 

Noticias web

18/11/2020