CRTVG

Buscar

A Xunta eleva as restricións no concello do Carballiño e mantenas no resto

Publicado o 09/10/2020 12:33
A Xunta eleva as restricións no concello do Carballiño e mantenas no resto

A Consellería de Sanidade acordou hoxe elevar o nivel de restricións no concello do Carballiño tras a xuntanza do subcomité clínico en que se fai seguimento da evolución da covid-19 en Galicia.

Deste xeito, aumentan as restricións xa existentes nese concello ata o nivel 3. É dicir, estará prohibido que bares e cafeterías poidan servir no interior, limitándose a atender nas terrazas a grupos de 5 persoas. Os restaurantes poden servir no interior, pero a un máximo de 5 persoas por mesa. 

As medidas vanse publicar hoxe no DOG e entrarán en vigor dende esta medianoite.

Pola contra, o subcomité clínico non viu necesario establecer novas restricións noutras zonas.

Deste xeito, a día de hoxe, Ourense, Barbadás e O Carballiño están en nivel 3, coas restricións de hostalería mencionadas, ademais da prohibición de xuntanzas de persoas non conviventes e engadindo a redución da mobilidade nos concellos de Ourense e Barbadás.

Segundo informa o Sergas nunha nota, no nivel 2 de restricións continúan os concellos de Santiago, Lugo, Pontevedra, Ortigueira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Meis, Poio, Marín, Cambados, Sanxenxo e as comarcas de Allariz, Ourense (agás concello de Ourense e Barbadás), O Ribeiro, O Carballiño (agás concello do Carballiño), Verín e Valdeorras, así como no Milladoiro (Ames).

Entre estas restricións xerais deste nivel destacan a ocupación máxima do 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros.

Tamén se establece a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto.

Ademais, no concellos de Verín e O Barco de Valdeorras, e na comarca do Carballiño tamén están prohibidas as xuntanzas de non conviventes.

 

Máis sobre O Carballiño