CRTVG

Buscar

Comeza a campaña electoral máis curta da democracia cun expediente a Sánchez e unha denuncia de Errejón

Publicado o 31/10/2019 10:23

Ás doce desta noite comeza a campaña electoral, e faino marcada polo expediente que a Xunta Electoral Central lle abre por primeira vez a un presidente en funcións. Sánchez foi apercibido por unha entrevista realizada na Moncloa que foi denunciada polo Partido Popular. A Xunta Electoral ve un posible incumprimento do artigo 50.2 da Lei Orgánica do Réxime Electoral.

Esta entrevista realizada no Pazo da Moncloa un día despois da exhumación de Franco suponlle ao presidente do Goberno en funcións a apertura dun expediente. A Xunta Electoral estima parcialmente a reclamación do Partido Popular ao considerar que contén declaracións con connotacións electoralistas e que se realizou nunha escenografía con símbolos e elementos públicos -medios institucionais- que non están ao alcance do resto dos candidatos. Por esa razón obrigaron a retirar a transcrición da web de Moncloa.

O expediente aberto pode supoñer unha sanción a Pedro Sánchez de entre 300 a 3.000 euros, pero desde o Goberno réstanlle importancia, ao considerar que só se cuestiona a escenografía coa que, din, serán máis coidadosos de aquí en diante. Todos os partidos da opocisión lamentaron o que consideran un uso electoralista das institucións publicas.

Na mesma resolución, a Xunta Electoral considera tamén que a ministra portavoz puido vulnenar a Lei orgánica do réxime electoral por unhas manifestación sobre o paro na conferencia de prensa do Consello de Ministros, pero destima a demanda do PP pola declaración posterior á exhumación de Franco, que considera puramente institucional.

E só unhas horas antes da apertura de campaña, a Xunta Electoral recibe outra denuncia, do líder de Más País, por esta campaña nas redes en que se chama á abstención dos partidos da esquerda, segundo Más País, suplantando a identidade do seu candidato para desmobilizar o electorado de esquerda.

"Unha campaña sucia en carteis na rúa e en decenas de páxinas falsas en Facebook", segundo declarou o propio Íñigo Errejón. Más País, pero tamén Unidas Podemos e o PSOE, sinalan o Partido Popular.

"Coñecemos polas investigacións de diversos medios que esa publicidade está pagada por unha persoa estreitamente vinculada con Génova e co PP. De feito, de Cambridge Analítica, se isto se confirmase, estariamos pasando a Génova Analítica", dixo Errejón.

"Resulta que o PP anda facendo o de Trump, unha campaña de desinformación, de noticias falsas, dicindo que son votantes de esquerda que o que queren é que se desmobilice a esquerda porque andan disgustados polo partido socialista", declarou o líder dos socialistas, Pedro Sánchez. 

Desde o PP negan ter nada que ver co asunto e din que a súa campaña en redes aínda non comezou.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/10/2019