CRTVG

Buscar

A biblioteca da Pardo Bazán en Meirás quedará protexida desde a próxima semana

Publicado o 21/11/2020 15:07

A decisión de converter en ben de interese cultural a biblioteca de Emilia Pardo Bazán coincide coa alerta sobre o futuro do patrimonio que alberga o pazo de Meirás. A tentativa dos herdeiros de Franco de retirar os elementos de valor do pazo, que foi paralizada pola xustiza, levou a Xunta e a Real Academia Galega a iniciaren o procedemento urxente para converter en BIC (ben de interese cultural) o fondo bibliográfico e outros obxectos de valor que pertenceron á autora de "Los pazos de Ulloa".

"Comunicar que na semana seguinte, na semana que entra, se vai publicar no Diario Oficial de Galicia a incoación do expediente BIC para a declaración da biblioteca de Emilia Pardo Bazán como BIC, como ben de interese cultural", anunciou o conselleiro de Cultura, Román Rodrígez.

A declaración de BIC afectaría a máis de 7.000 libros e documentos, que xa custodiaba a Real Academia Galega na súa sede, que foi domicilio dos Pardo Bazán, e a outros 3.000, a cantidade que se estima que permanece no pazo de Meirás.

"Esta casa foi durante moito tempo a residencia na Coruña de Emilia Pardo Bazán. A descendencia, a filla de Emilia Pardo Bazán, cedeuna á Academia e a Academia está comprometida coa memoria e co patrimonio, coa custodia tamén da memoria e do patrimonio de Emilia Pardo Bazán. Por tanto, para nós é unha excelente noticia", explicou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.

A declaración de BIC implica a máxima protección patrimonial para este legado da escritora. Desde a Real Academia Galega salientan que ata o de agora a parte da biblioteca que permanece no pazo de Meirás estaba nunha situación de desprotección xurídica.

Noticias web

21/11/2020