CRTVG

Buscar

A Xunta descentraliza o Xacobeo 2021

Publicado o 17/12/2019 09:12

• Levará un "Son do Camiño en miniatura" ás principais cabeceiras de comarca

Todos os concellos galegos formarán parte da programación que prepara a Xunta para a conmemoración do Xacobeo 2021, un calendario de eventos que inclúe unha previsión de 10 actos diarios entre centos de propostas culturais, musicais e expositivas, entre outras.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuniron este luns a comisión organizadora para presentar un avance da programación de cara ao Ano Santo, un plan que aínda está "aberto" e que conta xa con actividades previstas os próximos dous exercicios.

Con este "debuxo inicial", explicou Feijóo, búscase establecer "unha guía" e unha serie de deberes "con prazos e compromisos" detallados, pero no que se continuará traballando á espera da toma de posición do novo Goberno central, a participación de deputacións e administracións locais, e no que se ten en conta que 2020 será ano electoral e haberá un novo Executivo autonómico. Para sacar adiante este programa, a Xunta comprometeu unha montante de 82 millóns de euros nos orzamentos do próximo ano, e que Feijóo espera que queden aprobados esta mesma semana.

Descentralización

Unha das claves do mesmo será a descentralización. A través de 'Xacobeo en Camiño', levará un "Son do Camiño en miniatura" ás principais cabeceiras de comarca, con 1.400 actividades en 76 municipios con actuacións de dous a tres días en cada un. O orzamento ascenderá a 4 millóns de euros. Neste apartado entrará tamén 'Xacobeo cidades', con 120 accións musicais, expositivas e de todo tipo en colaboración coas principais cidades.

Ademais de lembrar o programa 'O teu Xacobeo' e o festival 'O Son do Camiño', que xa se atopa entre o catro "máis importantes de España", Feijóo avanzou o proxecto '3 camiños', unha serie de ficción que se rodará en tres continentes e en cinco países e que narrará a historia dun grupo de mozos que deciden realizar o Camiño de Santiago. Esta ficción prevé contar cunha audiencia de 5 millóns de persoas e busca reforzar a visibilidade "internacional" do Xacobeo e contará cunha promoción específica en Dublín, Portugal e Roma. Neste último emprazamento abrirase ademais unha oficina de promoción turística específica do Xacobeo, ao tratarse dun país "clave" desde o punto de vista da peregrinación.

Exposicións

Outra das ramas que inclúe o avance da programación serán as grandes exposicións, como 'Galicia un relato no mundo' e 'De Nós a Nós', unha mostra que estará entre maio e decembro no Gaiás e que conmemorará o centenario da Xeración e revista 'Nós'. A elas unirase 'Galicia futuro', unha exposición programada entre abril e setembro de 2021 que exporá unha reflexión do futuro da comunidade desde o ámbito cultural, social e patrimonial.

O programa do Xacobeo contará con varias publicacións, en concreto 'Catedral Santiago unha visión integral' e outra dedicada ás tarefas de conservación e restauración deste edificio histórico, cuxa rehabilitación integral estará operativa no ano 2021. Feijóo referiuse ao Plan de mellora de aloxamentos turísticos, ao Plan de mellora da arquitectura do Camiño de Santiago e a 'Galicia única', dedicado ao turismo interno.

Galicia Verde

A Xunta pretende tamén vincular a ruta santa á sustentabilidade, a ecoloxía e o respecto do medio ambiente, buscando un impacto cero nas rutas, promovendo a accesibilidade e a diversidade das peregrinacións, o voluntariado, a rehabilitación de espazos BIC e etnográficos, a cultura e a tradición.

Buscarase a difusión dos valores de diálogo e universalidade do Camiño de Santiago, promovendo foros de diálogo con líderes mundiais, congresos académicos internacionais, visitas de referentes culturais, científicos e políticos e reunións con representantes institucionais "de primeira categoría".

En suma, serán preto de 7.000 actividades, 170 proxectos e unha media de 10 actos diarios que pretenden chegar a sete millóns e medio de persoas en dous anos, nas que Feijóo espera que "todo o mundo senta a gusto" e que se aproveite "unha oportunidade histórica" en colaboración co Goberno central, as institucións provinciais e locais e o Arcebispado de Santiago.

Noticias web

17/12/2019