CRTVG

Buscar

A Xunta decláralle a guerra ao feísmo e prohibirá acumular refugallos nas leiras

Publicado o 09/10/2019 21:34

Trátase dunha serie de normas que se van integrar nos instrumentos de ordenación territorial para protexer a paisaxe, pero tamén de recomendacións directas á cidadanía para loitar contra o feísmo. Por exemplo, prohibirase acumular maquinaria vella nas leiras, as construcións anexas ás granxas terán que ser da mesma cor que a principal, haberán de retirarse os carteis cando rematan as obras, ou facer que os peches dos terreos teñan o menor impacto visual posible, e dan ideas, como pode ser a utilización de sebes vexetais de especies autóctonas.

Maquinaria abandonada, refugallos amoreados, peches feitos de somier, naves co ladrillo á vista, tendidos eléctricos enmarañados... Son algunhas das imaxes que queren borrar as novas directrices da paisaxe. Unha serie de normas e recomendacións que buscan mellorar as vistas do territorio sen prexudicar os usos que se fan del.

Recóllense tamén solucións para minimizar o impacto visual das explotacións mineiras ou dos muíños de vento, que terán que buscar unha maior integración paisaxística. Ademais, proponse reducir e ordenar os cables eléctricos, soterrándoos sempre que sexa posible.

Calquera cidadán ou entidade ten ata o mes de decembro para facer alegacións ou achegar novas ideas coas que protexer os valores paisaxísticos do país.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/10/2019