CRTVG

Buscar

A Xunta critica o estado de alarma e esixe a reforma da lexislación sanitaria

Publicado o 25/10/2020 14:22

A Xunta de Galicia insiste en que un novo estado de alarma nesta segunda vaga do virus non é a mellor solución e só vai contribuír a deteriorar aínda máis a imaxe de España no exterior. O goberno galego defende as restricións, pero cre que a loita contra a pandemia esixe unha reforma da lexislación sanitaria.

Nunha entrevista na radio galega, o vicepresidente da Xunta critica o Goberno central, por considerar que desde que se levantou o estado de alarma en primavera se desentendeu da xestión da pandemia. Alfonso Rueda cre que a inacción do Goberno durante estes meses é o que nos levou a esta situación, onde cada comunidade toma medidas cada vez máis duras para frear os contaxios pero despois os tribunais superiores, nuns casos ratifícanas, e noutros bótanas abaixo. A Xunta segue reclamando unha reforma da lexislación sanitaria.

Alfonso Rueda Vicerpesidente da Xunta dixo na Radio Galega: "Aquí hai unha pandemia, o que non hai é unha lei porque é unha situación nova, houbo tempo de sobra para facela, sería de aplicación a todos e non estariamos agora nestes golpes de efecto e nestas incertezas".

Esa lei proporcionaría seguridade xurídica para tomar medidas restritivas sen necesidade de ter que acudir aos tribunais. Este mesmo venres, tras a comparecencia de Pedro Sánchez, o presidente da Xunta lembraba que o Goberno galego aprobou importantes limitacións sempre a través de medidas sanitarias e non de excepción.

Alberto Núñez Feijóo Presidente da Xunta: "Galicia está a favor das restricóns horarias diurnas e nocturnas, e limitará moblidade polo día e pola noite, con procedementos proporcionais, con criterios empidemiolóxicos previos e sen alarmar".

Na Xunta aseguran que un novo estado de alarma vai ter un custo enorme na reputación dunha España moi danada, di o Goberno, pola pandemia e a súa xestión.

Noticias web

25/10/2020