CRTVG

Buscar

A Xunta concede 5 millóns a PSA para a ensamblaxe da súa furgoneta eléctrica

Publicado o 06/03/2020 15:08

A Xunta vai aprobar nos próximos días 5 millóns en axudas para a producion de furgonetas eléctricas. Adiantouno Alberto Núñez Feijóo, que se reuniu este mediodía en París, na central de PSA, co presidente mundial do grupo para facer balance da colaboración entre a Xunta e o fabricante da automoción. 

Núñez Feijóo congratulouse da colaboración dos últimos anos coa empresa PSA Peugeot Citroën, que "cumpriu con Galicia" e subliñou que esa partida de subvencións para programas de innovación está condicionada a que a compañía faga un investimento.

Sinalou que máis aló da cooperación para a fabricación das furgonetas eléctricas -para as que non hai data aínda- tamén quere que no futuro se ensamblen na planta de Vigo vehículos híbridos enchufables. Pero sobre todo, indicou que a súa reunión con Tavares tiña como obxectivo facerlle dúas propostas.

En primeiro lugar, que "Galicia quere estar presente no futuro de fábrica de baterías en España. Se España necesita unha fábrica de baterías para fornecer o futuro do coche eléctrico, nós queremos preparar a nosa candidatura".

A segunda é que a comunidade galega quere aproveitar "o efecto de tracción" que ten PSA para o resto da industria automobilística para que cheguen novos provedores a instalarse.

A ese respecto, apuntou que na colaboración establecida entre a Xunta e o gabinete de Tavares nos últimos anos, o emprego no automóbil en Galicia incrementouse en 5.000 postos de traballo adicionais e xa son máis de 22.300.

"Cumpríronse as expectativas mesmo con fartura", afirmou Núñez Feijoo, quen salientou que un de cada cinco vehículos que se fabrican en España saen das cadeas de montaxe de PSA en Vigo.

Así, "se o coronavirus o permite", Galicia podería chegar a un nivel de produción récord de 600.000 vehículos anuais, afirmou o mandatario autonómico.

En clave política, e preguntado sobre o feito de que as sondaxes non lle garanten maioría absoluta nas eleccións autonómicas do próximo 5 de abril, o candidato á reelección como presidente da Xunta subliñou que "sacar maioría absoluta neste momento en España é un feito excepcional".

Ademais, a súa lectura desas sondaxes é, en primeiro lugar, que asintan a idea de que o PP "vai gañar claramente as eleccións" e, ademais, mantéñense "intactas as posibilidades de conseguir unha maioría absoluta".

Precisou que se se comparan estas enquisas coas de fai catro anos, estas "son un pouco mellores".

Noticias web

06/03/2020