CRTVG

Buscar

A Xunta avalía incluír só zonas de alta incidencia epidemiolóxica de Portugal no protocolo de viaxeiros

Publicado o 29/07/2020 17:29

O presidente do Goberno galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este mércores que, nos próximos días, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, manterá reunións para avaliar a posibilidade de rexionalizar Portugal e incluír no protocolo de viaxeiros elaborado pola Xunta só as zonas con maior incidencia epidemiolóxica do país luso.

Aínda que no protocolo que obriga a comunicar estancias en zonas de risco non se fan diferenzas con respecto ao territorio dos países, excepto no caso de España, Feijóo trasladou a necesidade de establecer unha diferenciación por zonas de alta incidencia da COVID-19 tamén para o país veciño, ante os "estreitos lazos" que o unen con Galicia.

Foi durante un encontro mantido este mércores en Santiago co embaixador de Portugal, João Mira Gomes, en que o titular da Xunta en funcións incidiu nos beneficios deste protocolo, cuxo obxectivo é facer de Galicia un destino seguro para os galegos e para todos os que a visitan, así como detectar con rapidez posibles casos de coronavirus.

Con esta medida, apuntou, a comunidade pon ao dispor dos visitantes o servizo sanitario galego e, ademais de proporcionar información e recomendacións sanitarias, con esta información poderanse adoptar as medidas de seguimento, recoñecemento e control que se consideren necesarias en cada caso.

Entre elas, poderá promoverse a realización dunha proba diagnóstica independentemente de que se teña sintomatoloxía ou non.

O presidente da Xunta en funcións insistiu que se trata dun "servizo a favor e nunca en contra" dos visitantes, para que a xente poida vir a Galicia de forma segura e coa finalidade de ter localizadas as persoas que proveñen dos territorios con maior risco epidemiolóxico para actuar con maior rapidez.