CRTVG

Buscar

A Xunta asume a sinalización da praia das Catedrais, que estará lista en Semana Santa

Publicado o 20/03/2019 20:11

A Xunta e o Concello de Ribadeo levaron hoxe ao Ministerio de Transición Ecolóxica ese informe técnico que fixo a Fundación de Enxeñaría Civil de Galicia para coñecer polo miúdo o estado deste monumento natural. Encargouse despois do accidente mortal da pasada Semana Santa e para previr novas situacións de perigo. Unha das recomendacións dese informe é precisamente a de reforzar a sinalización e tamén reforzar o impacto das mensaxes deses carteis. O Ministerio de Transición Ecolóxica non atendeu as esixencias da Xunta e do Concello. Di o Goberno galego que se fai cargo de forma inmediata por responsabilidade. 

A Xunta e o concello de Ribadeo saen cunha resposta negativa do Ministerio de Transición Ecolóxica. O Goberno central argumenta que non lle corresponde mellorar a sinalización da praia das Catedrais, un monumento natural que está en terreos de dominio público marítimo-terrestre, competencia da Administración Central do Estado. 

Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo: "Debemos garantir a seguridade, reforzala. Non nos parece mal que se reforcen as medidas de indicación e de suxestións".

O reforzo da sinalización é unha das recomendacións do informe que elaborou a Fundación Enxeñería Civil de Galicia tras o accidente mortal na praia das Catedrais a Semana Santa pasada.

Belén Docampo, directora xeral de Patrimonio Natural: "A máis urxente, cando falta un mes para a Semana Santa, é facer esa sinalización e, polo tanto, ante a resposta negativa do Ministerio, a Xunta de Galicia por responsabilidade asumirao".

As outras recomendacións do informe, como a ampliación do percorrido pola beira do cantil ou a instalación de miradoiros, terán que agardar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/03/2019