CRTVG

Buscar

A Xunta aprobará a Lei de reactivación económica de Galicia para mellorar a competitividade

Publicado o 25/11/2020 15:32

A Xunta aproba este xoves a Lei de reactivación económica de Galicia para mellorar a competitividade do tecido empresarial e simplicar os trámites para as empresas.

O Consello da Xunta daralle "o visto e place inicial" a unha norma que pretende "cambiar a cultura para facilitar os investimentos na comunidade", segundo dixo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, os que se fagan "con carácter xeral" e tamén os que "beben dos fondos Next Generation".  

Por iso encargará aos expertos "unha revisión" do contido da norma, despois de ser eles os que a propuxeran e logo das achegas "iniciais" que xa fixeron.

"Queremos que se avalíe de forma concreta para que chegue ao Parlamento e a finais de febreiro, nun pleno da última semana, poidamos ter unha lei de reactivación económica para diminuír a burocratización", subliñou.  

Consciente de "todos os cambios que se están producindo" arredor dos fondos para a reconstrución, o titular do Goberno galego avogou por "seguir promovendo e planificando os proxectos de Galicia" que optan aos devanditos recursos, e que por agora son 108. 

En "momentos de enorme incerteza e dificultade" para toda a Unión Europea, Feijóo rexeitou que entren en xogo "cuestiones políticas ou partidistas" posto que estas "non crean emprego".  

Así, ante a "necesidade" de obter "a maior rendibilidade económica" dos fondos europeos, apostou por "pensar a medio e a longo prazo". 

Feijóo observa "criterios preocupantes" para repartir fondos europeos

Alberto Núñez Feijóo advertiu de "criterios preocupantes" para a repartición de fondos europeos ás comunidades autónomas, polo que esixe ao Goberno de Pedro Sánchez reglas "básicas e transparentes".  

Núñez Feijóo lanzou esta demanda este mércores antes de presidir unha nova reunión da comisión interdepartamental Next Generation Galicia. 

En calquera caso, reclamou "concreción" para "coñecer os criterios, as bases da concorrencia competitiva para que Galicia poida presentar os seus proxectos". E pediu "que sexa en base á calidade e a criterios obxectivos".  

"Preocúpanos o que levamos coñecido sobre a fórmula con que o Goberno central pretende distribuír os fondos. Preocúpanos que esa comisión estea formada polo gabinete do presidente e ministros que non teñen nada que ver cos propios fondos. Preocúpanos a información que de momento temos e esperamos que se disipen estas preocupacións cando coñezamos o regulamento europeo e os criterios do Goberno que de momento son criterios preocupantes e esperamos que vaian sendo regras básicas e transparentes", incidiu.  

Pola súa banda, apuntou a elementos como a dispersión, o "problema demográfico", a porcentaxe de poboación rural e os niveis de renda per cápita "por baixo da media europea e española" para que sexan "criterios respectados" na distribución dos fondos.  

Noticias web

25/11/2020