CRTVG

Buscar

A Xunta anuncia un "acordo histórico" para mellorar o emprego público

Publicado o 10/01/2019 15:06

Alberto Núñez Feijóo acaba de avanzar tamén un acordo para melloras laborais na función pública que van asinar mañá cos sindicatos UXT e CC.OO. A reunión semanal do Goberno galego déixanos ademais outro anuncio importante en materia laboral:o acordo sobre emprego público acadado cos sindicatos UXT e Comisións Obreiras. Acordo que se asinará nos próximos días e que a Xunta define como histórico e moi ambicioso. Entre os seus piares destacan unha maior estabilidade, unha mellor retribución e un incremento da oferta de emprego público.

O primeiro piar do acordo refírese á estabilidade laboral e retribucións. Canto á estabilidade, a Xunta reduce a taxa de temporalidade no ámbito do 7% no emprego público. Canto ás retribucións, xa na nómina de xaneiro aboarase o anunciado incremento salarial do 2,25%, que suporá uns 810 euros anuais de media. A esta suba podería engadirse outro 0,25% a partir do un de xullo se o PIB crece máis dun 2,5%. O acordo tamén fixa outro aumento fixo do 2% para o 2020 e outro dun 1% adicional en función tamén da marcha da economía.

O segundo piar do documento ten que ver coa funcionarización do persoal laboral fixo, un proceso voluntario que busca acabar coa desigualdade entre traballadores da función pública.

O terceiro piar recolle estender o sistema para desenvolver a carreira profesional a todo o persoal da Administración xeral. Os beneficiarios recibirán de maneira progresiva unha contía anual por grao de carreira de entre 760 euros e 2.460 en función da categoría laboral.

A Lei de rehabilitación, ao Parlamento
O Consello da Xunta tamén acordou enviar ao Parlamento o Proxecto de Lei de rehabilitación que pretende seguir priorizando a reforma fronte ás novas construcións. Ten un dobre obxectivo: axilizar a tramitación para a recuperación de zonas históricas e núcleos rurais, e por iso se amplían os supostos para a concesión de licenzas directas por parte dos concellos; e tamén protexer as edificacións históricas, para o que por primeira vez se establece un réxime sancionador para loitar contra as pintadas.

O cuarto e último piar é o compromiso de máis emprego público. Só na Administración xeral convocaranse un mínimo de 4.300 prazas entre os anos 2019 e 2020.

Noticias web

10/01/2019