CRTVG

Buscar

A Xunta agarda que o novo dono de Povisa manteña a calidade asistencial

Publicado o 30/09/2019 18:13
A Xunta agarda que o novo dono de Povisa manteña a calidade asistencial

Povisa, o maior hospital privado de Galicia, e Ribera Salud teñen "xa moi avanzadas" as negociacións para a venda do centro sanitario vigués a este último grupo. Así o indica a Xunta nun comunicado despois de que a Consellería de Sanidade convocase este luns aos representantes de Povisa a unha reunión en Santiago de Compostela para solicitarlles información sobre a posible venda do centro médico vigués co que o Sergas mantén un concerto en vigor para a prestación de asistencia sanitaria na área de Vigo.

Segundo informa o Goberno galego na súa nota, no transcurso desa reunión, á que asistiu o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, acompañado polo equipo directivo do Sergas, os representantes de Povisa e de Ribera Salud "confirmáronlle que as negociacións entre ambos se atopan xa moi avanzadas".

Pola súa banda, o Sergas "trasladoulles o seu posicionamento respecto diso, para que, en caso de que as negociacións frutifiquen cun cambio de titularidade na propiedade do centro hospitalario, se garantan tanto a calidade asistencial na área sanitaria como o mantemento dos postos de traballo, tal e como se recolle nos acordos do Sergas cos actuais propietarios". Neste sentido, engade a Xunta, "ambas partes empresariais mostraron a súa disposición para manter unha canle de información permanente co Sergas sobre o desenvolvemento das negociacións que están iniciadas".

O último concerto do Sergas con Povisa para a prestación de servizos asistenciais médico-hospitalarios asinouse o 1 de setembro e ten unha duración prevista de oito anos ata o 31 de agosto de 2022.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí