CRTVG

Buscar

A Xunta activará o 'cheque brexit' para asesorar as empresas

Publicado o 02/10/2019 13:05
A Xunta activará o 'cheque brexit' para asesorar as empresas

O grupo de traballo interdepartamental creado polo Goberno galego para analizar o impacto que o brexit pode ter en Galicia presentará este mesmo mes o plan estratéxico para abordar os efectos da saída do Reino Unido da Unión Europa, que contará cunha liña de axudas para as empresas galegas afincadas no país británico.

En declaracións á prensa tras participar na reunión, o vicepresidente autonómico, Alfonso Rueda, explicou que a través do IGAPE vaise poñer en marcha o 'cheque brexit', co que se activará unha "liña de axudas" para "cubrir os gastos que as empresas poidan ter derivados da nova situación".

O obxectivo será sufragar os gastos que as compañías galegas teñan que afrontar para novas tramitacións ou consultorías, tendo en conta que o IGAPE pasará de ter unha orientación máis comercial a unha de asesoramento no campo laboral e xurídico.

En todo caso, a contía coa que estará dotado ese cheque aínda "está por determinar", xa que dependerá do custo que supoñan as "tramitacións e o asesoramento especializado" que transcenda ás operacións que poidan realizar os especialistas do ente galego.

"As complicacións poden ser moitas, por iso non está fixada a contía", advertiu Rueda. Con todo, Rueda incidiu en que, tal e como manifestou a Xunta na reunión mantida a pasada semana entre o Goberno de España e comunidades autónomas para abordar en detalle os plans de continxencia ante a hipótese dun brexit duro, a prioridade principal de Galicia é asegurar a situación da frota pesqueira.

Neste sentido, a petición da Xunta foi clara en relación ás axudas que necesitaría a frota pesqueira co obxectivo de que "poida seguir pescando" e non deixe facelo "nin un só día".

O Goberno galego entende que as axudas que se poidan poñer en marcha non deben provir do fondo actual, porque "sería desvestir un santo para vestir outro", polo que se precisan "axudas específicas" de modo que non serviría que se "utilicen fondos que agora teñen outra asignación".

"Estamos vixiantes", insistiu Rueda, que entende que en Galicia "a pesca é a máxima prioridade" para os efectos negativos que poida ter a materialización do brexit e que, aventurou, "imos notar, esperemos que no menor sentido posible".

Alfonso Rueda apuntou que o grupo interdepartamental da Xunta volverá reunirse proximamente para "facer seguimento e propoñer medidas ante a situación que se pode derivar do desenlace do brexit" con encontros periódicos en que participan responsables das carteiras de Mar, Facenda, Medio Rural, Sanidade e Economía.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí