CRTVG

Buscar

A xuíza sostén que a tripulación do Nuevo Marcos non seguiu as medidas de seguridade axeitadas

Publicado o 12/11/2019 17:16

• Arquivada a investigación do naufraxio que deixara tres falecidos

A xuíza sostén que a tripulación do Nuevo Marcos non seguiu as medidas de seguridade axeitadas

O Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra decretou o sobresemento provisional e arquivamento das dilixencias relacionadas co naufraxio do Nuevo Marcos, en que faleceron tres persoas en abril de 2017, logo de chocar na ría de Pontevedra contra bateas que non estaban balizadas.

A maxistrada indica na resolución que o accidente, sucedido o 26 de abril de 2017 na ría de Pontevedra, non é atribuíble ao presidente da Autoridade Portuaria de Marín nin ao presidente de Portos de Galicia, tal e como demandaban as acusacións particulares. A Fiscalía, pola súa banda, solicitaba o sobresemento provisional do caso. 

A xuíza, polo tanto, descarta a existencia de tres delitos de homicidio por imprudencia grave e dun delito contra os dereitos dos traballadores. A Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim), publicado o pasado mes de xullo, dedicaba boa parte do seu informe de 34 páxinas á falta de balizamento das bateas contra as que chocou o cerqueiro como factor clave.

"Existía un certo risco de colisión pola existencia na mesma do polígono de bateas sen sinalizar", reza esta investigación. 

Con todo, a titular do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra válese da parte do informe da Ciaim na que se conclúe "que o polígono de bateas non dispuña de balizamento, que era unha noite escura que non permitía ver as bateas, a non ser que estivesen a vixiar o radar", pero que "a vixilancia non foi eficaz nin se avaliou correctamente a situación pola tripulación e, como factor máis importante, que a conciencia de seguridade da tripulación non era a adecuada".

A xuíza sinala no auto que a embarcación, sen estar obrigada, dispuña dun radar e de dispositivos de salvamento e protección individual, así como dunha radiobaliza de localización.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí