CRTVG

Buscar

A xuíza nomea o Estado depositario dos bens de Meirás

Publicado o 04/12/2020 13:49

• Só lle permite aos Franco retirar os seus bens persoais

• Mantense a data de entrega do inmoble o vindeiro xoves, 10 de decembro

 

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña vén de designar o Estado depositario de todos os bens mobles e elementos accesorios que confoman o complexo do Pazo de Meirás.

A maxistrada Marta Canales rexeita, deste modo, as alegacións dos herdeiros de Francisco Franco e ademais acepta as presentadas polo Estado, a Xunta os concellos de Sada e a Coruña e a Deputación Provincial, co que mantén a data de entrega do inmoble para o vindeiro xoves, 10 de decembro, ás 11 da mañá.

A xustiza rexeita as alegacións dos herdeiros de Franco sobre as medidas cautelares e explica que era "urxente" prohibirlles retirar obxectos do inmoble porque preparaban o seu traslado dentro duns 50 camións.

A custodia por parte da Administración estatal, segundo a xuíza, é "congruente" coa finalidade de debater na fase de execución da sentenza que forma parte do complexo.

A xuíza destaca que a decisión de prohibir retirar bens do recinto sen informar previamente a parte demandada responde “a unha situación de urxencia patente”, pois os Franco contrataran vehículos para levalos.

"50 camións son moitos camións"

“A urxencia xorde cando os demandados, dicindo que van entregar voluntariamente o pazo, previamente queren proceder ao traslado de bens en 50 camións, que sen dúbida son moitos camións, o que se traducía nun baleirado de non se sabía que”, sinala. A maxistrada insiste en que era “necesario saber que existía en Meirás” antes de permitir “trasladar todo tipo de bens descoñecidos”.

“De non adoptar as medidas cautelares nunca sería posible acoller unha decisión futura, nunca podería debaterse se, por exemplo, un escudo se integra ou non na execución e propiedade do Estado, porque os bens, simple e sinxelamente, xa estarían desaparecidos", argumenta a maxistrada, de aí que "as medidas son cautelares, urxentes e sen audiencia”. Unha vez realizado o inventario, o Estado terá que expoñer, di a xuíza,  “que bens entende que teñen que ser entregados ou non”.

Así, asegura que “non ten sentido abrir agora o debate acerca de que bens se integran ou non no pazo” porque a sentenza non é firme. A solicitude de depósito efectuada polo Estado, segundo afirma no auto, resulta aceptable porque é “congruente coa finalidade de poder entrar a debater que forma parte da execución, todo, nada ou parte”.

No auto, contra o que cabe recurso de apelación ante a Audiencia Provincial, indícase que se vai permitir a retirada dos obxectos "de estrito uso persoal ou que, polas súas características, nada acheguen á significación do pazo como Ben de Interese Cultural e cuxa retirada en nada comprometa os posibles usos definitivos que se decidan para o pazo".

O Goberno convoca a Xunta, Concello de Sada e Deputación a unha xuntanza

O Goberno convocou á Xunta de Galicia, o Concello de Sada (A Coruña) e a Deputación coruñesa a unha reunión para abordar a futura xestión do pazo de Meirás. En concreto, foi a vicepresidenta primeiro do Goberno, Carmen Calvo, a que citou ás distintas administracións para "escoitar ás partes implicadas", precisaron fontes da Delegación do Goberno.

Así o ratificou tamén o alcalde de Sada, Benito Portela, quen avanzou que se lles emprazou a unha reunión o día 9 co fin de acordar "o destino e usos" do pazo. En concreto, explicou que, por parte da vicepresidenta, se lles citou a unha reunión na tarde do mércores na Delegación do Goberno, con presenza tamén de Xunta e Deputación coruñesa.

Este consistorio pediu recentemente ao Goberno central, a Xunta e Deputación coruñesa un "acordo conveniado" para a xestión do inmoble, unha vez que se materialice a entrega do pazo, fixada para o día 10 en aplicación da execución provisional da sentenza que obriga aos Franco á súa devolución.

Os herdeiros, que non poderán retirar bens, excepto os persoais e os que non comprometan futuros usos, tras o último auto ditada polo Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, presentaron recurso na Audiencia Provincial da Coruña contra o fallo que lles obrigou a devolver o inmoble.