CRTVG

Buscar

A xuíza ordena rexistros na empresa Magrudis e detencións polo caso da listeriose

Publicado o 24/09/2019 10:08
A xuíza ordena rexistros na empresa Magrudis e detencións polo caso da listeriose

Efectivos da Unidade Central Operativa Ambiental (Ucoma) activaron este martes un dispositivo especial consistente en precintar e realizar un rexistro na nave industrial de Magrudis, empresa que comercializou a carne mechada La Mechá que deu positivo por listeria, por orde do Xulgado de Instrución número 10 de Sevilla, organismo xudicial que iniciou unha investigación para esclarecer se hai responsabilidade penal ante a alerta sanitaria por listeriose, que afectou máis de 200 persoas e provocou tres falecementos.

Segundo informaron fontes do Instituto Armado, ao longo deste martes van realizar varios rexistros na nave industrial de Magrudis, situada no polígono industrial de Sevilla, por efectivos dunha unidade de actuación específica que depende do Servizo de Protección de Natureza (Seprona) e que está encargada das dilixencias de investigación.

Tamén se ordenaron varias detencións, aínda que polo momento non trascenderon os nomes das persoas que van ser arrestadas.

Cabe apuntar que a titular Xulgado de Instrución número 10 de Sevilla, Pilar Ordóñez, trasladoulle ao Ucoma un informe que reflicte que unha mostra dun lote de carne La Mechá da empresa Magrudis deu positivo por listeria o pasado mes de febreiro. Segundo informaron fontes xudiciais, o informe remitido, que foi admitido para avanzar na investigación pola xuíza instrutora Pilar Ordóñez, indica que se avisou "en tempo e forma" a Magrudis da contaminación dos seus produtos pola bacteria listeria monocytogenes.

De feito, no auto de admisión a trámite da querela interposta por Facua-Consumidores en Acción contra Magrudis e os seus responsables, a maxistrada indica que ese informe, que foi achegado o pasado 10 de setembro, se una ás dilixencias de investigación, así como que se facilite copia do mesmo aos axentes da Unidade Central Operativa de Medio Ambiente (Ucoma) da Garda Civil, organismo encargado da investigación.

Ademais, o xulgado admitiu a trámite a querela de Facua, tendo en conta que os feitos denunciados puidesen ser constitutivos dun delito contra a saúde pública e lesións. Deste xeito, iniciáronse dilixencias para esclarecer os feitos e decidir se se citan como investigados os responsables de Magrudis.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí