CRTVG

Buscar

A xestión da pandemia vai copar a sesión de investidura de Alberto Núñez Feijóo

Publicado o 27/08/2020 13:01
A xestión da pandemia vai copar a sesión de investidura de Alberto Núñez Feijóo

A xestión da pandemia do coronavirus e os seus efectos en Galicia coparán os discursos da sesión de investidura, segundo avanzaron hoxe os grupos con representación no Parlamento de Galicia tras a reunión da Xunta de Portavoces en que se fixou a orde do día das sesións plenarias de investidura e apertura de lexislatura.

As xornadas plenarias que marcan a recta final para a proclamación do presidente autonómico servirán para que os tres grupos parlamentarios con representación no Hórreo (PPdeG, BNG e PSdeG) expoñan as súas propostas para encarar unha crise "sen precedentes" na comunidade.

A primeira sesión do debate de investidura dará comezo o vindeiro martes 1 de setembro ás 9:30 horas, momento no que o candidato proposto, Alberto Núñez Feijóo, pronunciará seu discurso.

Corenta e oito horas despois da conclusión deste trámite, o día xoves 3 será o momento da quenda de réplicas a cargo de cada un dos grupos políticos, os cales terán 35 minutos para a súa argumentación.

Posteriormente, xa en sesión de tarde, Núñez Feijóo responderá, ben individual ou se é o caso colectivamente.