CRTVG

Buscar

A xestión da crise e a renda mínima vital centraron a sesión de control ao Goberno, a segunda desde o estado de alarma

Publicado o 22/04/2020 21:41


O líder do PP, Pablo Casado, preguntoulle ao presidente do Goberno por que escondía os falecidos nas súas sucesivas intervencións, por que non publicaba as cifras reais e por que non decretaba o loito oficial que merecen. Tamén lle preguntou se non pensaba pedir desculpas polas neglixencias do Goberno na xestión desta crise. Pedro Sánchez respondeulle dicindo que Europa chegou tarde e que España tamén. Pero, asegurou o presidente do Goberno, tamén é certo que actuamos antes. Dixo que se miramos cando se decretou o estado de alarma en relación con outros países queda claro que o seu Goberno actuou antes.

Na réplica, Casado dixo que os españois non estamos felices nin contentos, senon fartos dun goberno ao que lle sobra soberbia, incompetencia e mentiras. Para Pedro Sánchez é momento de solucións e non de reproches e tendeulle a man na reconstrucción que vai necesitar o país e os territorios que o compoñen.

Vox interpelou ao vicepresidente segundo a propósito da renda vital mínima que pretende aprobar o executivo. Acusaron a Pablo Iglesias de querer introducir en España comunismo económico de manual con cheiro bolivariano. O vicepresidente afeoulles que lle chamaran "paguita", asegurando que ese nome se corresponde máis co que recibiu o presidente de Vox, Santiago Abascal, de Esperanza Aguirre, non para chegar a fin de mes, dixo, senón para montar chiringuitos cos que atacar a democracia española.

Sobre a renda vital mínima tamén preguntou o voceiro do PNV. Aitor Esteban dixo que intentar unha carreira para ver quen saca antes a cabeza non contribúe a unha boa imaxe do Goberno e pode poñer en perigo os acordos posibles co seu grupo. Pablo Iglesias pediulle sensibilidade. Dixo que esa renda é para que moita xente poida chegar a fin de mes, un problema que non teñen, afirmou, ningún dos que estaban debatendo no hemiclo.

Noticias web

22/04/2020