CRTVG

Buscar

A vítima da Manada en Pozoblanco sufriu estrés postraumático ao ver as imaxes

Publicado o 20/11/2019 15:27

Dende xa antes do comezo do xuízo, a principal estratexia da defensa está sendo pedir a nulidade da proba central, o vídeo en que os catro acusados soban a moza de Pozoblanco, sentada inconsciente entre eles no coche. O xuíz decidiu aceptar o vídeo e continuar o proceso. Resolverá na sentenza se finalmente o dá por nulo ou non.

E nesta terceira sesión chegaba a declaración dos policías de Navarra que atoparon o vídeo, así que o avogado da Manada chegou disposto a volver inisitir en que a proba principal se obtivo de maneira ilexítima.

"Que nos expliquen como é posible que un policía investigue iso, sen ningún tipo de autorización xudicial ao respecto que poida poñer de relevo por que aparece nunha investigación do 7 de xullo un vídeo do 20 de abril".

E os axentes da Policía Foral de Navarra declararon este mércores que si tiñan autorización xudicial, con tres autos, para investigar os teléfonos dos acusados.

Engadiron que nas gravacións da violación grupal de Pamplona captaran comentarios que apuntaban á "posible comisión doutros delitos". Acabaron atopando as imaxes de Pozoblanco e identificaron a vítima.

Dende que a moza viu as imaxes e comezou a sentir a exposición mediática, sufriu estrés postraumático, segundo declararon nesta xornada o forense e a psicóloga que a atenderon. Engadiron que o sucedido afectou "de forma devastadora" na súa vida cotiá.

 

Noticias web

20/11/2019