CRTVG

Buscar

A viaxe, unha experiencia de aprendizaxe en soidade ou compañía

Publicado o 03/11/2019 23:33

Sen máis compaña ca unha mochila, con grupos de amigos ou coa familia. Son escollas que unha fai cando elixe un destino novo por coñecer. As condicións da viaxe veñen marcadas por moitos factores, o peto é un deles, pero as circunstancias vitais e familiares condicionan tamén o xeito en que nos movemos polo mundo. É o caso de Sonia, que no seu blog, O mundo ao revés, conta como se organizan unhas vacacións familiares.

Sonia Hermida, autora do blog O mundo ao revés: "No noso caso temos unha filla con diversidade funcional que ten moitas dificultades de comprensión. Para ela é difícil esperar, hai veces que hai sitios que non entende, que non lle fan ningunha graza. Sempre tes que buscar plans alternativos, os medios de transporte témolos moi estudados en cada sitio. Se vemos que non se pode ir en metro, vemos alternativa do taxi ou calquera outro. O caso é preparar a viaxe sempre tendo os nenos e nenas en conta para que poidamos gozar dela todos e todas, porque todas formamos parte da viaxe".

Pero hai outros momentos en que as inquietudes piden experiencias solitarias, na busca de atoparse a unha mesma e asumir o desafío de coñecer o diferente.

"Viaxar soa foi unha casualidade na miña vida, algo que eu non planifiquei, coa sorpresa de que foi unha experiencia reveladora a nivel de crecemento persoal, e descubrín unha liberdade salvaxe e absoluta. É adictivo, e a iso vou", di Sara Horta, que conta as súas viaxen en Nunca quise ir a Brasil.

Outras veces, a soidade dura só ata o momento de xuntarse cun grupo de descoñecidos coas mesmas ansias de viaxar, é o caso do Club de Viaxeiros Solitarios.

"Para min é a grandeza do club. Que unimos xente que non ten nada que ver e saímos todos de viaxe e ás veces ata saen bos compañeiros de viaxe e amizade, claro que si", asegura Marta Galindo, do Club de Viaxeiros Solitarios.

Todas elas son a mostra de que o espírito viaxeiro non ten limitacións cando unha decide botarse a andar.

Noticias web

03/11/2019