CRTVG

Buscar

A vacinación da covid-19 comezará en xaneiro, durará un semestre e non será obrigatoria

Publicado o 21/11/2020 20:52

Salvador Illa anticipou hoxe, nunha entrevista radiofónica, algunhas das liñas mestras do plan de vacinación contra a covid-19 que vai aprobar o Goberno o martes en Consello de ministros. Primeiro referente: o período de vacinación comezará en xaneiro e podería prolongarse ata maio ou xuño de 2021. O propósito de partida é lograr que se vacine a metade da poboación española, pero non se descarta chegar ata un 70 % como obxectivo máximo.

E para os que manteñen dúbidas sobre a vacina, unha mansaxe de calma. Non será obrigatoria, algo que ata o de agora non estaba claro.

"O ideal sería, no mes de maio, ter unha boa parte da poboación coa vacina administrada e polo tanto inmunizada. Para ir ben, teriamos que ter un nivel de vacinación alto, dun 60 ou 70 % da poboación. Os expertos indicarannos que persoas e por que orde teñen que vacinarse. (...) Recoméndannos que non sería necesario que a vacina fose obrigatoria. Mesmo podería ser contraproducente", explicou Salvador Illa.

Mentres, Pedro Sánchez participaba este sábado nun cumio telemático do G-20 en que a pandemia foi protagonista. Ante o plenario, Sánchez reclamou un acceso "xusto, equitativo e universal "para as vacinas da covid-19. Ademais, deulle a benvida á suspensión temporal, ata xuño do ano vindeiro, dos intereses da débeda dos países máis vulnerables.

Noticias web

21/11/2020