CRTVG

Buscar

Comeza a campaña de vacinación antigripal

Publicado o 14/10/2019 14:51

A campaña da gripe comeza con arredor de 900 puntos de vacinación en Galicia e 615.000 doses, 7.000 máis ca o ano pasado. Prolongarase durante 11 semanas, unha máis ca na tempada anterior.

Recomendan a vacina aos maiores de 60 anos, residentes en institucións pechadas, mulleres embarazadas e outras persoas predispostas a padecer complicacións derivadas da gripe ou aos que llela poidan transmitir. Ademais, este ano amplíase a poboación diana.

Oliva Varela, coordinadora de enfermería de Atención Primaria de Vite: "As novidades son que os nenos de 6 meses a dous anos que naceron prematuros vanse vacinar este ano e tamén os pacientes que teñan calquera alteración na coagulación".

Hai máis novidades. O Sergas salienta que Galicia é a primeira comunidade que ofrece a vacina tetravalente celular, de maior eficacia, ás persoas de 15 a 64 anos con factores de risco.

En xeral, para os que dubiden sobre se deben vacinarse, o mellor é consultalo directamente co persoal sanitario.

Oliva Varela, coordinadora de enfermería de Atención Primaria de Vite: "Que se poñan en contacto coa súa enfermeira, mellor con cita previa, porque así temos a historia e podemos informalo do seu caso".

A partir da cuarta semana da campaña desenvolverase o programa de promoción da vacinación mediante chamada telefónica ou SMS.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/10/2019