CRTVG

Buscar

A UXT insta os xubilados que traballaban a tempo parcial que reclamen melloras nas pensións

Publicado o 29/10/2019 13:48

"Pensionista, reclama!"  É o chamamento da UXT aos xubilados españois que traballaron a tempo parcial e veñen cobrando a súa pensión desde antes do 12 agosto deste ano. O sindicato entende que a sentenza publicada nesa data polo Tribunal Constitucional, que declaraba nulo o chamado coeficiente de parcialidade, queda curta: ademais de obrigar a calcular as pagas do mesmo xeito para os traballadores a tempo completo e para os que tiñan algún tipo de redución de xornada, non debería limitar no tempo os dereitos dos afectados, tal e como contempla o Tribunal Superior de Xustiza Europea.

"Esa doutrina prevalece sobre a sentenza do Tribunal Constitucional. Iso é o que nos leva a facer esas reclamacións individuais", apunta Mª Isabel González Jardón, secretaria de Políticas Sociais de UXT Galicia.

A UXT calcula en máis de 120.000 os pensionistas afectados pola resolución, 6.000 en Galicia. As tres cuartas partes son mulleres.

"E non é só a reclamación da cantidade que se deixou de percibir, senón tamén a cantidade a futuro", advirten desde o sindicato.

Coa vella regulación, a un xubilado que fose contratado durante 20 anos a media xornada cunha base de cotización de 700 euros, corresponderíalle unha pensión de 350 euros. Pero ao amparo da sentenza cobraría case 80 euros máis cada mes.

Noticias web

29/10/2019